O asasino do crime de Cabanas, culpable por unanimidade de asasinato e agresión sexual

Bea Abelairas
Bea Abelairas FERROL

FERROL

O xurado decidiu en 24 horas que Roger Serafín atacou a Elisa Abruñedo cando camiñaba a escasos metros da súa casa, a sentenza aclarará se se aplican todas as agravante e a pena, que oscilará entre os 30 e os 37 anos

26 jun 2025 . Actualizado á 19:48 h.

Tras unha semana con cinco vistas longas e intensas, nas que declararon unha trintena de testemuñas, ao xurado do crime de Cabanas abondoulle unha tarde e unha mañá para declarar que o acusado, Roger Serafín Rodríguez, é culpable do asasinato e a agresión sexual de Elisa Abruñedo, unha veciña de 46 anos que en setembro do 2013 saíu a pasear pola contorna da súa casa, na parroquia de Lavandeira. Foi detido dez anos despois, e tras unha complexa investigación policial.

O portavoz dos membros do xurado foi detallando as motivacións que atopaban ao cuestionario de 14 puntos que responderon por unanimidade. Os nove integrantes consideran probado que a muller saíu a pasear, que o acusado a asaltou e arrastrouna por unha zona boscosa; despois agrediuna, primeiro sexualmente, e despois abandonouna moribunda tras asestarlle tres puñaladas, no pescozo, o pulmón e o corazón.

Para chegar ao seu veredicto, invocaron os testemuños dos fillos, dos peritos de diferentes corpos e, en especial, do informe forense, no que se atopou a pista crave que levou ao asasino unha década despois, restos de ADN. E ese mesmo informe deixa claro que a muller tivo unha agonía de varios minutos terrible, precisamente unha das claves da agravante de ensañamiento que solicitan os avogados da acusación particular exercida polos dous fillos de Elisa, aos que a morte da súa nai causou danos psicolóxicos graves que seguen sufrindo doce anos despois.

O maxistrado da Audiencia Provincial Luis Barrientos Monge felicitou ao xurado polo veredicto e «por dedicar tanto tempo» ao proceso. Agora tócalle redactar unha sentenza na que se determinará a condena, así como as indemnizacións que corresponden aos fillos de Elisa. O fallo publicarase nos próximos días e, segundo os avogados que participaron no proceso, pode implicar unha pena de prisión de entre 30 e 37 anos, aínda que o máis probable é que Roger Serafín só cumpra vinte. Onte estaba presente cando se leu o veredicto, do mesmo xeito que a nai e o fillo menor de Elisa. Cando Roger escoitou que o declaraban culpable, alzou os ollos e mostrou unha cara amarga. A nai de Elisa estaba na sala e abandonou a Audiencia, moi emocionada, abrazada ao seu neto menor.

Os avogados da acusación particular solicitaban que se aplicasen agravantes: abuso de superioridade, porque un home corpulento como Roger atacou por detrás a unha muller miúda de pouco máis de 50 quilos; aproveitamento do lugar, xa que a arrastrou a unha zona apartada e chea de maleza duns montes que coñecía ben porque era cazador; ensañamiento, pola longa lista de feridas que presentaba; e aleivosía, así como un ataque punible por violencia de xénero.

O veredicto declarou probados os feitos que o maxistrado lles formulou no obxecto do veredicto. A letrada Beatriz Rubín apuntou que haberá que agardar á sentenza para comprobar cantas agravantes se teñen en conta para fixar a pena e as compensacións.

O avogado do asasino: «O meu cliente admite homicidio e agresión sexual, pero non descartamos un recurso»

Tras a lectura do veredicto, o maxistrado do caso, Luis Barrientos Monge, despediu ao xurado e lembroulle ao acusado que este veredicto implica unha sentenza que non é firme e que o seu avogado poderá recorrer. E a esta posibilidade referiuse o avogado de Roger Serafín Rodríguez, Juan Pablo Barros, ao abandonar a Audiencia Provincial. «Deixamos aberta a posibilidade dun recurso no caso de que a sentenza sexa desfavorable no sentido de que o meu cliente recoñece o homicidio e a agresión, pero se se acredita que hai asasinato con agravantes, trataremos de pelexar», aduciu un letrado que está no caso tras substituír á primeira avogada da quenda de oficio que asistiu ao asasino confeso, que non se vía con forzas para asumir un caso tan complexo. Barros leva traballando na defensa de Roger desde que o detiveron, en outubro do 2023, e cobrará pouco máis de 900 euros por case dous anos de traballo.

Instantes despois da lectura do veredicto celebrouse outra vistilla, a porta pechada, na que os avogados das acusacións e a defensa propuxeron a súa solicitude de condena. Ademais, a fiscala elevou a definitivas as peticións do seu escrito de acusación. Así, pide 32 anos de prisión por violación e asasinato (20 por este último delito). Solicita unha agravante por arrastrar ao monte a unha muller miúda de 46 anos tras atacala por detrás. A acusación particular pide máis: 37 anos. Solicitan a pena máxima de cárcere por asasinato, 25 anos de prisión. Tamén reclaman unha indemnización maior para os fillos de Elisa, de 300.000 euros para cada un, aínda que son conscientes de que o acusado non poderá afrontala. Non se puido pedir a prisión permanente revisable para o condenado porque esta figura legal non existía cando se cometeu o crime.

Precisamente a avogada do fillo pequeno de Elisa, Beatriz Rubín, comentou que a sentenza se publicará, case con toda probabilidade, a semana que vén: «Pedimos esa pena máxima de 37 anos, estamos a falar dunha diferencia de cinco anos».