Corenta anos de PAC en Galicia: facendo Europa dende o campo

Roberto García SECRETARIO XERAL DE UUAA

OPINIÓN

ALVITE

13 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En 2025 se cumpren 40 anos da entrada de España na entón Comunidade Económica Europea. Un camiño que para o rural galego supuxo unha transformación profunda do modelo de produción, da sociedade, e mesmo da estrutura territorial e administrativa. Neste senso, a Política Agraria Común (PAC) foi o fío condutor desa evolución, actuando como motor de modernización e apoio á renda agraria. Daquela Galicia rural de 1986, con máis de 100.000 explotacións leiteiras de subsistencia, onde en moitos lugares aínda se traballaba co carro do país, pasamos a outra con 5.000 granxas orientadas ao mercado, cun sector lácteo profesionalizado e competitivo. Temos cinco denominacións de orixe de viño con proxección internacional, unha agricultura tecnificada, rabaños coas mellores xenéticas, produción ecolóxica e rexenerativa, etcétera. É probable que o rural galego cambiase máis estruturalmente nestas catro décadas que nos cinco séculos anteriores.

A PAC continúa sendo un piar fundamental, supón case o 11?% das rendas no leite e máis do 30?% na carne en extensivo. A maiores, entre o 40?% e o 70?% de calquera investimento ou mellora nas explotacións finánciase con fondos europeos a través dos plans de incorporación de mozos e plans de mellora. Ademais, a agricultura europea non só coida do medio ambiente, senón que tamén protexe á cidadanía a través de alimentos sans e seguros. A confianza internacional é total nos nosos alimentos porque posúen os estándares de calidade e trazabilidade máis esixentes do mundo.

Unións Agrarias acompañou ao rural galego en todas estas transformacións. Estivemos presentes en cada etapa do camiño. Apostamos polo proxecto europeo desde o principio, mesmo cando era impopular defender o sistema de cotas no sector lácteo. Fixémolo porque críamos nun modelo que puidese garantir futuro, mentres outros aproveitaban a incerteza para sementar o «non». Hoxe seguimos, xa como organización agraria de referencia, co traballo diario e comprometido que nos trouxo ata aquí. Por iso non deixamos de pedir que se corrixa a excesiva burocracia, a desconexión entre Bruxelas e o territorio á hora de fixar obxectivos ambientais inalcanzables, ou a falta de diálogo real coas voces do rural.

Cando chegaron as últimas crises —a pandemia ou a guerra de Ucraína— foi a UE quen garantiu o acceso á enerxía, aos fertilizantes, buscou mercados alternativos para o gran e evitou o colapso de sectores estratéxicos. Dos retos aínda pendentes destacan o relevo xeracional e a defensa do modelo da explotación familiar. Sen mocidade, acapararán as terras os fondos de investimento con lóxicas puramente especulativas. E se non protexemos a agricultura familiar, pasaremos a un modelo unicamente intensivo e desarraigado. Por iso precisamos unha PAC que poña no centro o modelo social e profesional agrario, que pense nos produtores e tamén nos consumidores, que garanta, en definitiva, alimentos accesibles, saudables, respectuosos co medio e que manteñan en definitiva vivo o territorio.