
A demanda de creación de novas facultades de Medicina naceu a finais do pasado século, por iniciativa do entón reitor da Universidade da Coruña, José Luis Meilán Gil. Eu tiña a honra de ser conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no Goberno Fraga. Hoxe, despois de máis de 25 anos, a historia repítese, e o actual reitor volve pedir esta facultade para a cidade herculina. Como era de esperar, e como tamén aconteceu daquela, o asunto saltou de inmediato ao ámbito político e xa tomaron posición a alcaldesa da Coruña e o alcalde de Vigo. Unha vez máis xorden os localismos, que tanto dano teñen feito a unha racional distribución dos servizos públicos en Galicia.
Naquel momento iniciouse xa o proceso de descentralización da docencia de Medicina, aproveitando os hospitais, pero as razóns polas que non se crearon novas facultades foron varias. A primeira, de índole económica, pois acababan de nacer dúas universidades (A Coruña e Vigo) e tódolos recursos eran poucos para dotalas dos necesarios recursos materiais e humanos. Pénsese, por exemplo, que un alumno de Medicina custaba daquela sobre 1.200.000 pesetas anuais e un de Filoloxía menos da metade. Foi preciso incluso chegar a un acordo cos alcaldes das sete grandes cidades, sede dos campus, e cos presidentes das catro deputacións, para a construción de edificios administrativos e docentes.
Naqueles anos estaba en vigor o distrito universitario único e, xa que logo, os estudantes non podían solicitar praza en calquera facultade de España, como ocorre hoxe, ao haber distrito aberto. Polo tanto, na actualidade resulta moi difícil coñecer a demanda real dunha titulación como Medicina, ao ser posible que un alumno poida facer varias solicitudes a distintas facultades. No inicio de século Galicia chegou aos 100.000 alumnos universitarios, tendo descendido, de xeito constante e rápido, a pouco máis dos 60.000, a pesar de que a porcentaxe dos que acceden aos estudos superiores pasou dun 19 % a máis dun 30 %.
Estes cambios e a aparición de novas titulacións xustifican una revisión a fondo da oferta do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Antes de duplicar ou triplicar algunha das xa existentes deberían reorganizarse as que non teñen demanda ou non cumpren co número mínimo de estudantes establecido. É un labor moi complexo pero que, dado o constante descenso de alumnos, ten que ser abordado con urxencia. En concreto, no caso dos estudos de Medicina, o marco vixente é o acordo acadado pola Xunta e os reitores no 2015, para unha docencia descentralizada e compartida. Pasar da súa modificación, por suposto incumprimento, á proposta de creación de novas facultades, é competencia, en primeiro lugar, dos órganos consultivos, en especial o Consello Galego de Universidades, ao que corresponde informar sobre a implantación ou supresión de ensinanzas. Requírese tamén o informe dos órganos consultivos de ámbito estatal e o da Axencia para a Calidade do SUG, antes da toma de decisión definitiva por parte dos Gobernos de España e de Galicia.