«En Europa non nos queren»

Sandra Faginas Souto
Sandra Faginas MIRA E VERÁS

OPINIÓN

Melody, durante la semifinal de Eurovisión
Melody, durante a semifinal de Eurovisión GEORGIOS KEFALAS | EFE

20 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Aqueles que visen a serie A canción entenderán a frase: «En Europa non nos queren». Na ficción dia Francisco Franco e é o motor do guion no que se basea a cinta de Pepe Coira e Fran Araújo para organizar e lanzar o obús, a operación A, a, a, que leve a España a gañar Eurovisión. Política e canción estiveron sempre moi unidas nun festival que ano tras ano se enloda no lodo. Cando non é o televoto son as repúblicas bálticas, a guerra de Ucraína..., se Rusia debe estar ou non formando parte, cando non ataca Israel... É tanta a vergoña que dá todo ao redor dun show que pinta de cor cando, en realidade, está rodado en branco e negro que hai material para unha serie centrada máis na actualidade. Coa diva Melody, Os Javis poderían ter argumento para unha ficción na que houbese que chamar ao mestre Manuel Alejandro co fin de reescribir a historia de España nun festival que nos ten atravesados desde que viu a gloria a finais da década dos sesenta do século pasado. Aínda están a tempo de facela, e en lugar de Serrat, Massiel e Franco, terían outros protagonistas máis enraizados nos días que vivimos. Un tempo de algoritmos e masacres, un tempo no que mentres se canta a pleno pulmón imponse o horror con centenares de mortos. Esa é a euro visión.