
Na obra auroral do noso Rexurdimento, Cantares gallegos, Rosalía de Castro toma emprestada a voz dunha neniña que, cando é requirida a «cantar, se queres / na lingua que falo», promete: «Cantarte hei Galicia / teus doces cantares, / que así mo pediron / na beira do mare. / Cantarte hei, Galicia, na lingua galega / consolo dos males / alivio das penas». No ano en curso, en que o Día das Letras Galegas está dedicado ás cantareiras e á poesía popular oral, o país enteiro fai coro coa neniña dos Cantares celebrando o seu idioma milenario e proletario, e repenica a pandeireta pedindo con Cunqueiro «mil primaveras máis para a lingua galega».
A revitalización da música tradicional non é fenómeno de hogano, como non o son as investigacións e as recollas, nin a súa apropiación e recreación por parte dunha mocidade que quere desfrutar dun legado que os maiores lle escatimaron. Con todo, o Día das Letras significa un recoñecemento masivo ás cantareiras pola súa vital achega ao mantemento e arrequecemento dunha tradición centenaria. Foi cousa da «infinita moitedume de luciñas e vagalumes» que evocaba Castelao no discurso Alba de Gloria, formada polos «seres innominados que crearon o idioma, a cultura, as artes, os costumes, o feito diferencial de Galiza: o que nós fomos, o que nós somos e o que nós seremos sempre». Ese «pobo, que nunca nos traizoou», esa «enerxía colectiva, que nunca perece», está personificada hoxe en Adolfina e Rosa Casás, Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido, Manuela Lema e Teresa García Prieto). Canda elas, recoñecemos as persoas e colectivos que, por medio da arte e do estudo, contribuíron abnegadamente a recuperala, recreala e revitalizala. Entre todas elas, cómpre lembrar a musicóloga suíza Dorothé Schubart e o sabio Antón Santamarina, que traballaron a catro mans durante anos na máis completa escuridade.
Así, mentres as expectativas sobre a política lingüística esmorecen, a ilusión continúa a florecer na xente moza que reclama, celebra e se apropia do galego en aulas e escenarios, en campañas publicitarias e estadios deportivos, nas redes sociais e nas rúas. Para desatar os nós que atrapallan o idioma, cómpre saír do bucle sen fin das polémicas estériles, alleas ao alento dunha cidadanía que aspira a ver o galego convertido nunha lingua normal. Un idioma que goce da liberdade e a posibilidade real de ser transmitido na casa, utilizado nas escolas e empregado por quen desexe facelo en todos os ámbitos da súa vida.