A multa a Vox

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E MÚSICO

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR | EFE

12 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Tribunal de Contas ven de colocarlle unha multa de máis de oito centos mil euros. Dada a cantidade da mesma, o alto tribunal fiscalizador das contas públicas (Vox finánciase, coma o resto, fundamentalmente de cartos públicos) considera os seus delitos moi graves. E o partido ultra, en troques de pedir perdón e rectificar (ademais de pagar a sanción) contesta dicindo que a sentenza é política, que está orquestrada dende o Goberno, e que o que busca é aniquilar a existencia do partido. Por suposto, ese discurso será crido por milleiros e milleiros de votantes que neste intre de posverdades están dispostos a tragar co que sexa sempre e cando lles pareza ben.

E iso é o que fai Vox: acepta aquilo que lle parece ben. Cando dispara dicindo que os partidos políticos son todos uns corruptos, eles non se consideran dentro desa saca. Aínda que reciban millóns de euros dos cartos públicos, eles erguen a bandeira da suposta pureza, como adoitan facer todos os patriotas de todo a cen que nos rodean. Se un alto tribunal, con probas, lles aplica a lei, consideran que iso non pode ir con eles, porque eles, xa se sabe, son puros. Tanto ten que xa tivesen que admitir, como tiveron que admitir, que Irán estivo detrás da súa financiamento, ou que recibiron seis millóns de euros dun banco húngaro de escura procedencia (por certo, xa saben que en Hungría goberna tamén a ultradereita). Todo ese tipo de cousas só as fan os demais. Eles non.

Vox funciona como un partido ultra de manual. Sérvense da democracia para lucrarse. E as probas de que as súas contas non están nada limpas demóstrao o feito de que moitos dos seus antigos dirixentes, e non poucos militantes en masa («de provincias», como lles gusta falar a estes señoritos capitalinos) marcharon da organización revelando, sempre, manobras escuras cos cartos. Nada, no fondo, que non sexa o mesmo que sacou a Marine Le Pen da circulación: corrupción cos propios cartos do partido.

Nesta multa, o tribunal demostrou que se embolsaran milleiros de euros disfrazados de pequenos ingresos en caixeiros menores a 300 euros, para que así non houbese control do que en realidade eran doazóns. Para eles eran cantidades resultado de vender pulseiriñas e pines, xa saben, iso que seica demostra a españolidade. Pero o tribunal considera probado que eran doazóns e, polo tanto, estaban incumprindo a lei, porque a lexislación española no referido a partidos políticos deixa claro que as doazóns teñen que vir con nome, apelidos e DNI. Pero eles ocultaron toda esa información.

A primeira maneira que hai de ser patriota é cumprindo a lei…