Sargadelos emblema

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

XAIME RAMALLAL

09 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O problema dos emblemas é que adoitan perder o sentido práctico, e, por iso, cando falamos de Sargadelos esquecemos que é unha empresa privada con ducias de traballadoras (fundamentalmente mulleres) que aturan co emblema e mais con iso que vai de seu no ser obreira: soportar O Patrón, así, en maiúsculas, ese que crea o traballo que fan outros para o seu beneficio económico. O Patrón pode ser algo abstracto, coma un consello de administración, ou unha persoa. Non é mellor unha cousa ou a outra: hai consellos de administración temíbeis, colexiadamente caciquís, tamén en empresas que son emblemas; e hai señores que se remangan a diario para facer da empresa un bo lugar. O primeiro Patrón de Sargadelos foi unha familia ilustrada no XIX, pero a súa feitura de emblema débese aos ideais do exilio galeguista: da man de Seoane e Díaz Pardo, Sargadelos faise fábrica de cultura ao servizo da loita antifascista onde a plusvalía ía destinada a facer medrar o proxecto. Só hai outra empresa así en Galicia, a Editorial Galaxia, pero a súa estrutura impide o que aconteceu con Sargadelos: que unha soa persoa se converta en Patrón.

Este Sargadelos xa non é o noso emblema (o das galeguistas e as ilustradas) porque o Patrón acabou con el o día en que deixaron de importar as cousas que importaban a Díaz Pardo (a lingua, a memoria, o socialismo), e o día en que a forza do traballo pasou a ser menosprezada, como demostra a boutade trumpeira dun peche patronal fóra da lei, un xesto neoliberal típico que, usando o emprego como arma, quere que as que precisan os salarios acepten renunciar a dereitos. Pero Sargadelos non é das traballadoras nin de Galicia: é de Segismundo García. Velaí o novo emblema.