
Sucedeu en Palmeira sobre as 2.20 horas desta madrugada e todo apunta a un accidente
20 abr 2025 . Actualizado á 19:37 h.Un veciño de Palmeira, no municipio de Ribeira, morreu esta madrugada esmagado pola súa propia furgoneta ao quedarse sen freos. Sucedeu na Rúa de Barreiro e o falecido era veciño desta parroquia ribeirense. Trátase de Manuel Fernández Pacheco, de 36 anos de idade. Foi un particular o que sobre as 2.20 horas da madrugada deu aviso ao 112 Galicia explicando que atopara a un home debaixo dun vehículo. Na propia chamada xa indicaba que podía estar morto.
O suceso ocorreu na rúa do polideportivo Torres Colomer, nunha zona cunha lixeira pendente. O home apareceu debaixo da parte dianteira da súa furgoneta en posición decúbito prono, é dicir, boca abaixo.
Unha das hipóteses que se baralla é que aparcase a súa Citroën Berlingo e ao ver que o vehículo se desprazaba porque se lle esquecese de pór o freo de man, intentase paralo sen éxito e ao apartarse acabáselle pasando por amais. A outra posibilidade que se contempla é que fose sorprendido polo vehículo sen ver que se estaba movendo. A Policía Xudicial está a investigar as causas exactas do suceso, aínda que todo apunta a un accidente fortuíto.

Segundo fontes do operativo, o automóbil atopábase estacionado na parte da rúa con capa de asfalto. Ao desprazarse, detívose xusto tras pasar o bordo que separa o pavimento da zona de terra.
O home foi visto ata a unha e media da madrugada nun local hostaleiro de Palmeira, polo que se foi de alí para a súa casa, situada nas inmediacións do lugar do accidente.
Desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias mobilizaron ao 061, Bombeiros de Ribeira e axentes da Policía Local e da Nacional. No punto do sinistro os equipos de emerxencias xa non puideron facer nada por salvarlle a vida ao home.