E remar

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

30 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

que importa na vida non é o que tes, senón a quen tes. Non importan as veces que caias, as derrotas, se levantas a vista, procuras apoios... e continúas remando. É relevante, aínda que non o pareza, iso de levantar a vista: porque se miras só para o chan non poderás ver o arco da vella, nin o sol, ou as nubes que teñen forma de coelliños. Decontado aparecerán as acacias tinguindo de amarelo as abas dos nosos montes e a paleta de cores de Galicia, que é unha das máis lindas do mundo, comezará a lucir o seu mellor cariz. Importa arrimarte ao lume, agora que vai tanto frío. Tamén arrimarte a uns ollos que te acariñen e unhas mans que saiban mirarte. Non te desanimes fronte ao éxito da insignificancia e dos insignificantes: o éxito é fácil de acadar, o difícil é merecelo, afirmaba Albert Camus. O mesmo que falaba do «invencible verán», iso que agora denominan resiliencia: palabra espantosa que aparece ata no pan de cada día. Oh, os sintagmas tan repetidos neste presente dominado polo pensamento único: implementar, persoas directoras ou persoas inspectoras (tan difícil é dicir e escribir o correcto gramaticalmente: directores, inspectores, etcétera? Alguén acode a falar cun director dun centro educativo e proclama: «Bos días, persoa directora»?), sororidade, deconstrución, apoderamento, heteropatriarcado, binario ou non binario. Importa que estas minucias politicamente correctas non sexan capaces de ferirte. Que non deas un paso atrás cando pensas que tes razón, aínda que o mundo siga sen darche razón algunha. Que perseveres e ilumines, día por día, as sombras. Que lembres ao dipsómano Bukowski: «Escribiremos cos pés se nos cortan as mans». E remar. E remar.