O crime de Samuel Luiz e ese «nada que perder»

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CABALAR | EFE

25 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O crime de Samuel Luiz é unha mostra da maldade humana en grao máximo. Parece que estas atrocidades só existen nas películas, pero a realidade empéñase, unha e outra vez, en superala.

Lin transcricións das declaracións do xuízo que son auténticas barbaridades. Quedo sen cualificativos. Hai seres humanos que carecen do máis básico: humanidade. En lugar de corazón deben ter unha bomba que impulsa veleno por todo o corpo. Pero a crueldade desa xente é tan grande que son inmunes á propia pezoña e esta só afecta aos demais.

Varias das testemuñas din que un dos agresores avisou de que apuñalaría á vítima no corazón porque nada tiña que perder. Nada que perder! Como non? Xa non penso nas penas xudiciais ás que deberan enfrontarse, á perda de liberdade... Antes de todo iso está a humanidade. Se buscan a palabra no dicionario, a primeira acepción é esta: natureza humana. Asasinar arrasa co máis básico, é perdelo todo.

Un crime, ademais, perpetrado por odio e intransixencia. Raza, sexo, ideoloxía, orientación sexual..., calquera destes motivos retrotráennos a unha era arcaica onde o tamaño do cerebro debía ser o dun mosquito. Que iluso crer que estaba superado!

Non salvamos aínda moitos erros como sociedade. A realidade é esta: poden asasinarte sen máis na rúa por ser un homosexual. Sen esquecer que dous dos atacantes eran menores. Este é, polo tanto, o futuro que nos espera.

Pensar que matar a golpes ou puñaladas a un rapaz inocente non nos fai perder nada é tremendamente preocupante.

Se podo durmir hoxe será grazas a quen o socorreron a risco de poñerse en perigo total, pois, como ben explican, son ilegais. Vaia ironía. Os máis legais, dignos de confianza, foron eles.

Dá para reflexionar un chisco.