Leis, industrias e impactos ambientais

Uxio Labarta
Uxío Labarta CODEX FLORIAE

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

27 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

As noticias sobres os sectores enerxéticos, mineiros e industriais ultimamente tiñan un principio, ou un fin, en resolucións xudiciais. Chegando a afectar a cargos ou funcionarios da Xunta, pero que evidenciaba a precariedade que afectaba os informes ambientais e á súa tramitación, con obvias repercusións no desenvolvemento industrial, mineiro e enerxético de Galicia. Era un lugar común preguntarse pola debilidade ou o rexeitamento destes preceptivos informes ambientais, algo que tamén pode intuírse nos cambios na Administración ambiental do presidente Rueda.

Por iso, substanciado o éxito de la Lei de Litoral polo Constitucional, e á espera dos seus benéficos efectos sobre a organización do espazo no litoral galego, era urxente abordar a lexislación ambiental. Non só porque a vixente introducía inseguridade xurídica como se confirmou nos numerosos aeroparques suspendidos e nos permisos de explotacións mineiras. Revogados algúns como san Finx polas súas verteduras de augas á ría de Noia, ou cancelados outros como a mina de coltán da Penouta, antes en explotación de estaño e wólfram, o peche das minas de Corcoesto e Varilongo, ou a de feldespato en Muras. Ou verse obrigada a Administración Rueda a acudir a unha singular «declaración de interese estratéxico» para activar a mina de cobre en Touro e reducir prazos en tramitación e en emisión de informes, entre outros beneficios. Á espera da tramitación ambiental de Green Fiber, proxecto de Altri e Greenalia. Todo iso ao amparo da Lei de Ordenación da Minería de Galicia do 2008 e da Lei de Protección Ambiental de Galicia do 1995.

Leis, incluso organización administrativa, que non respondían á complexidade das normas sobre avaliación e intervención ambiental. Pretendéndose coa lei anunciada unha maior seguridade xurídica, limitando tempos nos procedementos de autorización, licenza e avaliación ambiental, e «evitar ou minimizar a proliferación de conflitos xudiciais interpretativos». Atendendo á normativa europea e á lexislación básica do Estado segundo o presidente Rueda e a conselleira Vázquez. Resolvendo tamén a situación procedemental dos funcionarios responsables, se fose o caso.

O proceso de consulta pública previa ao anteproxecto lexislativo, permitirá coñecer a inspiración nas leis do País Vasco (Lei 10/21, modificada na lei 1/24) ou de Asturias (Lei 1/23), como referencias dadas pola conselleira, en todos os seus extremos. E moi singularmente no concepto europeo de «normativa intelixente», co obxectivo de reforzar a implicación da cidadanía e simplificar a normativa. A expensas dos condicionantes que a «lei de recursos naturais», en tramitación, condicione ou impoña. Porque sen unha actualización das leis ambientais limítase a industrialización, compatible coas políticas de protección da UE e o Pacto Verde europeo. En busca dunha máis ampla maioría, se seica fosen capaces.