A débeda de Galicia coa súa universidade histórica

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

Sandra Alonso

04 jun 2024 . Actualizado á 05:00 h.

Galicia ten unha débeda co edificio da súa universidade histórica. Non coa vella Fonseca dos colexios, senón co da universidade contemporánea das facultades, co das leis, as letras e as ciencias modernas que camiñaron xuntas na mesma casa dende 1805. O casal onde se desenvolveu, non sen conflito, a lei liberal que desprazou a do Antigo Réxime, a casa das letras ilustradas e enciclopedistas que iluminaron a razón fronte a Inquisición, o templo da ciencia moderna que se abriu camiño por fóra da fe na da praza da universidade, no solar que ocuparan os xesuítas ata a súa expulsión por Carlos III.

Ese é o edificio que ocupa a Facultade de Xeografía e Historia, con tres carreiras únicas en Galicia, sete mestrados e dous doutoramentos, que acollen máis de 1.500 alumnos, concentrados especialmente nas dúas titulacións de Historia. Ese é o edificio que está hoxe en risco, afectado de graves problemas estruturais derivados da acumulación de saber e do exceso de desleixo. A antiga planta non pode cos 150.000 volumes da súa biblioteca de acceso libre para a investigación, aos que hai que sumar varios miles máis nos gabinetes e salas de investigación. En risco tamén o maxestoso salón de lectura da biblioteca do segundo andar, xardín laico do saber, construído na ampliación de 1900 amais do Paraninfo da Minerva, o templo das deusas dos saberes e a significación masónica.

Dende a Lei Xeral de Educación de 1970, hai 54 anos, todas as titulacións universitarias de Galicia estrearon edificio nun proceso de ampliación do que podemos estar orgullosos. O edificio da universidade liberal, construído hai 220 anos, só coñeceu unha leve reforma nos anos 60, tan acorde co desenrolismo da época como incoherente co sentido patrimonial do edificio. Alí seguen o aluminio que pechou o claustro, o sintasol do chan, os novos encofrados e paneis, a escaleira de terrazo que substituíu daquela á orixinal. Todo segue igual despois da única reforma en 120 anos, sen atención estrutural de calado dende hai case 60. No decanato de Ramón Villares centralizouse nun único espazo, de modo pioneiro, unha biblioteca de acceso directo para toda a facultade. Pouco despois, sendo reitor o mesmo profesor, a facultade pasou a ocupar o edificio enteiro. Daquela, sendo decano Xosé Carlos Bermejo, advertiuse dos problemas de sobrecarga.

Nestes 35 anos construíronse facultades, bibliotecas e centros de investigación nos sete campus das tres universidades, escribindo a historia do éxito do sistema universitario galego creado en 1989. Todos os edificios históricos universitarios en uso de Santiago foron remozados menos a Facultade de Historia, tan só tocada para asegurar o grupo escultórico da portada a piques de esborrallarse. Adoito caen anacos de cornixas, os riscos de seguridade son evidentes. Xa non vai máis. Urxe axuda da cidade e do país que todo o rehabilitan. A débeda non pode esperar para ser cobrada, por vergoña, por seguridade e por xustiza; tamén pola memoria das ciencias as leis e as letras liberais que nos construíron como somos. A falta de atención á historia vai parella á falta de interese polo pasado laico.