O último tango en Ferraz

OPINIÓN

David Borrat | EFE

27 mares 2024 . Actualizado ás 14:17 h.

Quen sabe se porque a estas alturas xa se cre unha especie de Marlon Brando do independentismo, Carles Puigdemont escolleu a evocadora localidade francesa de Perpiñán para, cun extintor e un Chewbacca peludo da guerra das galaxias como testemuñas de excepción, presentar a súa «lista de país» coas eleccións catalás no horizonte. O home vai pasar por alto que esa lista de país é a lista do país de nunca xamais, pero a estas alturas o que poida ser real e o que non deixou de importar. É un feito empírico que o sexapil político do home que fuxiu a Waterloo nun maleteiro limítase ao número de escanos que ten para que Pedro e o seu Bolaños poidan seguir facendo «da necesidade virtude». Na súa comparecencia, Carles volverá ameazar un pouco con botar a rodar O último tango en Ferraz, pero todo, do comezo aos títulos de crédito, é pura ficción: sabe que o día que iso suceda, o seu vivir de película acábase; ou sexa, fin.