Algo máis que un erro xudicial

OPINIÓN

ANDY RAIN | EFE

E non un calquera. En palabras do primeiro ministro británico, Rishi Sunak, «un dos maiores erros xudiciais na historia da nosa nación». Uns 3.500 propietarios de pequenas sucursais dunha institución lendaria no Reino Unido como é o Post Office Ltd., que se define como a «áncora das comunidades locais», acusados inxustamente. Máis de 700 condenados por delitos como fraude e roubo, e centos demandados pola vía civil, declarados en quebra e, en multitude de ocasións, condenados ao ostracismo social persoal e familiar e, en catro ocasiones con resultado fatal. E todo isto por un erro no sistema informático de xestión imposto —Horizon— ás 11.500 pequenas sucursais repartidas polo territorio, deseñado por unha multinacional xaponesa, que a través de accesos remotos ás contas das sucursais creaba descuadres artificiais nas súas contabilidades.

A resposta institucional sempre era a mesma. Isto só che pasa a ti —cando estaban afectadas unha de cada tres sucursais— e por contrato de «franquía» es responsable de responder co teu patrimonio aos descuadres, sen máis explicación, nin xustificación. Se te declaras culpable, evitarás a condena penal e, eventualmente, a prisión. E por suposto, outro clásico: o software é «robusto e infalible». As mesmas respostas de 1999 ao 2015. Desde entón, e a pesar da intensa mobilización dos afectados e de traballos xornalísticos extraordinarios, non existiu unha resposta institucional. Tivo que ser o éxito de comezo de ano dunha serie de televisión (Mr. Bates vs. The Post Office) o que provocou o anuncio dunha lei de reparación das vítimas para exonerar e indemnizar de forma inmediata aos afectados e restaurar a confianza no sistema.

Este caso é algo máis que un erro xudicial. É un aviso a navegantes da importancia da transparencia, lexible e non meramente cosmética, e non só das decisións, senón dos procesos a través dos que se adoptan —canto se bota de menos unha regulación dos conflitos de intereses e os lobis, accesos universais e instantáneos aos rexistros públicos, ou auditorías de algoritmos, por exemplo—. A receptividade ás demandas cidadás, a rendición de contas e dotar á sociedade civil de ferramentas para un control efectivo e real. E asunción de responsabilidades. Vinte anos despois, ninguén asumiu responsabilidades, máis aló da devolución dunha distinción honoraria. E finalmente, que escoite aos órganos de control independente, algo máis que opinadores, así a todo, un «compoñente esencial dentro dun sistema democrático no que a rendición de contas, a transparencia e a integridade son partes indispensables para unha democracia estable» (ISSAI 12).