Protocolo Prestige

Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

María Pedreda

12 ene 2024 . Actualizado ás 04:55 h.

Ou 13 de decembro de 2023, un veciño de Ribeira sacaba das praias corenta sacos de pélets de plástico e ese mesmo día avisa ao 112 para comunicarlle a aparición dun material que cheiraba a gasoil ou a gasolina. Era unha mostra das 26 toneladas caídas ao mar cinco días antes procedentes dun cargueiro de bandeira liberiana. A Xunta tardou semanas en activar o plan de emerxencia por contaminación mariña e un mes en activar o nivel de alerta dous. Asturias tomou esa decisión en 24 horas.

É evidente que o Goberno galego non é responsable de que se perda un contedor con 1.050 sacos con material plástico contaminante. Pero si é a súa responsabilidade xestionar con dilixencia, rapidez e transparencia un desastre ambiental para minimizar as consecuencias dunha marea de plástico que hoxe invade as nosas praias.

Pero, unha vez máis, o Goberno do PP optou por aplicar o mesmo infame protocolo do Prestige: ocultación, mentira, manipulación e incompetencia, deixando abandonados aos concellos e a unha cidadanía que optou por autoorganizarse para suplir a ausencia dos gobernos, tanto o da Xunta como o do Estado, volvendo dar unha lección de dignidade colectiva.

Afortunadamente, este desastre ambiental non ten a dimensión do Prestige, menos mal!, porque o PP repetiu ao milímetro a mesma actuación, demostrando que a nosa costa segue igual de indefensa que hai vinte e dous anos. Empezando por ocultar a catástrofe, de tal xeito que a primeira declaración do presidente e candidato Rueda foi un mes despois do verquido e para criticar a quen denunciaba o desastre ambiental e esixía actuar, BNG incluído.

Despois chegou a marea de mentiras, a manipulación informativa, minimizar o desastre con informes que se agochan á opinión pública e ao Parlamento; botar balóns fóra buscando culpables e unha sucesión de declaracións delirantes de altos cargos do PP que provocan estupor, alarma e vergoña a partes iguais.

E, para colmo, a habitual confrontación entre Goberno central e galego, enfrascados nun pim-pam-pum con Galiza mentres unha marea de plástico invade o noso litoral, nun fracaso evidente por ambas partes, que non souberon calibrar o alcance do desastre e actuar en consecuencia.

Neste momento, a prioridade é facer fronte ao desastre ambiental poñendo todos os medios necesarios para limpar as praias, Estado e Xunta teñen que deixar de lado a confrontación inútil e poñerse a traballar xa, man a man, para retirar esa marea de plástico contaminante. Iso é, agora, a prioridade, o que reclama o BNG e o conxunto da cidadanía.

O liderado, na política como na vida, mídese nos momentos de dificultade e a resposta do Goberno de Rueda foi a peor das posibles. Os galegos e as galegas merecen un goberno que non lles minta, que afronte os problemas de cara e que se poña á fronte para aportar solucións, merecen un hoberno que estea a súa altura. Ese é o goberno que aspiro a darlles, que aspiro a liderar.