Televisión sen filtros

Beatriz Pallas ENCADEADOS

OPINIÓN

13 dic 2023 . Actualizado ás 08:53 h.

Non todo é música e bo rolo na academia de Operación triunfo. Os concursantes da nova promoción, que se forman nas aulas de Prime Vídeo, encaixaron estes días unha reprimenda por non manexar ben os rozamentos da convivencia e por ter perdido de vista ao gran irmán que os vixía. Púxoos Noemí Galera fronte ao seu espello para lembrarlles que a televisión o grava todo e o amplifica todo. «Ás veces véxovos e tirádesme para atrás», díxolles, para mostrarlles de forma elocuente a importancia de levar ben e dar boa imaxe nun programa de corazón tan branco. Non lles pediu que sexan amigos, pero si que o parezan ou, polo menos, que se falen con respecto. «Non se como falades na vosa casa aos vosos familiares, pero eu na miña casa non berro a ninguén, non falo mal a ninguén e non o vou a consentir», advertiu.

A distensión na pantalla é un fío moi fino do cal é doado caerse. Hai uns días, nun arrebato de campechanía, o sobriño de Ana Rosa lanzouse a chamar «ananiña planetaria» a Sonsoles Ónega, revelando así o dano que está a causar en Telecinco a derrota diaria que lles aplica o seu rival de Antena 3. No formigueiro tamén se viviu un exemplo de que relaxarse demasiado ante as cámaras pode ser traizoeiro. Un piloto intentaba ilustrar as súas ansias de gañar e esqueceu os filtros: «Aquí, marica o último».