A urxencia das urnas

OPINIÓN

Jesús Hellín | EUROPAPRESS

14 novs 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Teño para min que a música que atrona estes días diante das sedes do Partido Socialista non ten un ton unánime e máis de un aproveita para botar por fóra todo o seu odio aos rivais políticos e ao que se poña por diante, mesmo apedrando a policía e exhibindo bandeiras preconstitucionais que definen ás claras a súa ansia de democracia e constitución. Agora ben, son a minoría, pero ir acompañados dos ultras trae estas contradicións e inconvenientes.

Como demócrata defendo o dereito á manifestación, faltaría máis, e sei que unha boa parte de quen se manifesta o fai por convicción e porque cre que a lei de amnistía e a cesión ao nacionalismo catalán poden ser daniños para España. Pero o que non comparto é negar o resultado das urnas, repetindo até fartar que ten que haber novas eleccións porque Pedro Sánchez non gañou as do 23 de xullo e vai asentar o seu Goberno sobre algo ilexítimo, feito coas trampas dunha ditadura que só está na imaxinación de Ayuso, ou na retórica inflamada de Abascal. Mesmo descansar a posible fraude na evidencia de que o candidato socialista mentiu en campaña é tanto coma facelo nunha sorte de xuramento inviolable.

Non podemos ser tan inxenuos. O noso sistema democrático é claro e calquera acordo é posible sempre que estea dentro da Constitución. Intentar chegar de novo ás urnas, sen aceptar un Goberno legal, só porque non nos gusta e porque tememos que iso é prexudicial para España ou para Cataluña, non só é perigoso senón que rompería con calquera principio democrático. E si, talvez sigan as manifestacións contra o Goberno nas rúas, pera a oposición máis democrática deberá facerse nas cámaras e nos tribunais mentres non haxa uns novos comicios polos que algúns non parecen estar dispostos a esperar.