O regreso ao traballo

Ignacio Bermúdez de Castro
Ignacio Bermúdez de Castro PASOS SEN PEGADAS

OPINIÓN

28 ago 2022 . Actualizado á 05:00 h.

Onte estaba abatido. Só pensaba nos escasos días que restan para volver ao traballo. Fun á cama derrotado e, bendito descanso reparador, que me espertei sendo outro. O primeiro que fixen foi darme conta do insolidario que fora. Lamentábame por ter que ir traballar. É dicir, queixábame da miña privilexiada condición de traballador que pode sacar adiante unha familia. Sentinme mal por non pensar nos millóns de compatriotas que non saben que será deles e as súas familias este inverno e que, salvo milagres nos que non creo, malamente poderán facer unha compra de supermercado e pagar a electricidade e o gas para que os seus non pasen un inverno siberiano.

Síntome feliz e desexando que acabe agosto para porme a facer o que sei e que, aínda amais, págueseme por iso, xa que eu tamén teño que acudir ao supermercado e pagar gas e electricidade. Ademais, co meu traballo intentarei que os problemas dos meus clientes sexan menos ou ningún. Comparareime, salvando as distancias, con San Pablo camiño de Damasco. A diferenza foi que quen isto escribe nin caeu dun cabalo, nin se converteu en apóstolo. Simplemente púxenme a preparar ese importante xuízo que teño sinalado para primeiros de setembro.