Avaliar as competencias

María Mosquera Castro DIRECTORA DO IES DAVID BUJÁN DA CORUÑA

OPINIÓN

Hai uns días que nas terrazas dos bares e nos parques óese falar de avaliación. E digo avaliación, non educación, porque parece que é o único punto do novo decreto que regula o ensino secundario obrigatorio que transcendeu á opinión pública: que se titulan con materias suspensas, que non hai notas numéricas… Pero non oín a ninguén cuestionarse que van ensinar agora aos nosos fillos ou que necesitan aprender. A avaliación é só un aspecto máis desta nova lei educativa que teoricamente quere responder a un cambio social que ten que verse reflectido na educación. Os nosos nenos e mozos cambiaron, do mesmo xeito que as súas capacidades, as súas destrezas e as súas necesidades e o sistema educativo ten que afrontar o reto de ensinar novos contidos e usar novos instrumentos que se adapten a estes cambios. E, por suposto, este cambio tamén ten que verse reflectido no sistema de avaliación. Unha vez máis se insiste na necesidade de avaliar por competencias, pero agora vaise un paso máis aló.

 A avaliación por competencias proponse por primeira vez na LOE, que fala de competencias básicas, retómase na Lomce coas competencias clave e agora na Lomloe, que distingue entre competencias clave (aquelas que se consideran imprescindibles para que o alumnado poida progresar) e competencias específicas (aquelas que requiren dos saberes básicos de cada materia). Pero, para avaliar por competencias, os instrumentos que temos que utilizar non poden ser só probas escritas, senón que tamén hai que valorar a capacidade que teñen para aplicar os seus coñecementos ás distintas situacións que os requiran (situacións de aprendizaxe), ademais do traballo diario, o esforzo… Unificar nunha nota todos estes aspectos require utilizar porcentaxes, polo que as notas reais sempre van ser numéricas. Transformar os números en palabras é unha cuestión formal, pero inexacta, que ademais nos expón un problema: como se computarán estas notas nas convocatorias nas que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos? Insuficiente, suficiente, sobresaliente son adxectivos e, por tanto valen para cualificar no seu sentido máis estrito, pero non para puntuar.

Pero non debemos preocuparnos (ou si). Para pór en marcha un decreto deste tipo fai falta baixar as cocientes, pór profesorado de apoio, tempo para formar ao profesorado, para elaborar novos materiais… e isto non se pode facer a dous meses de acabar o curso, polo que unha vez máis, no que se refire ás leis educativas, pomos un parche no canto de cambiar a roda.