A técnica dos 90 segundos contra o enfado
OPINIÓN
Nun curso de control da ira por correspondencia, Frank Costanza, un dos personaxes de Seinfeld, debía berrarse a si mesmo «serenidade agora!» cando notaba que se estaba enfadando.
Por suposto, non daba resultado. Claro que naquel momento non se coñecía a técnica dos 90 segundos, desenvolvida por Jill Bolte Taylor, ouna neurocientífica especializada no sistema nervioso que descubriu como aproveitar certos procesos fisiolóxicos para controlar as nosas emocións e reaccións.
A técnica céntrase en agardar 90 segundos desde que notamos que aflora o enfado, para permitir que este se disipe.
Ante un estímulo da contorna dispárase un proceso no corpo que fai fluír substancias químicas que nos pon en estado de alerta. Se logramos non reaccionar durante 90 segundos, que é o que dura o proceso, esas substancias elimínanse por completo.
Para axudarte na espera, o que debes facer é «notar» a emoción mentalmente e etiquetarla. Podes dicirche, «estou a enfadarme». Logo, escanear o teu corpo en busca das sensacións que produce a emoción. Mentres fas isto reducirase a actividade na amígdala, responsable de prender a alarma ante unha sensación de ameaza e de manterte expectante.
Etiquetar as emocións calma a rexión do cerebro involucrada nos arrebatos de ira e axúdate a recuperar o control.
Se despois dos 90 segundos persistes nas túas ganas de reaccionar, tratarase máis ben dunha elección consciente de reforzar o bucle negativo. É posible entón que a túa emoción teña unha causa máis profunda, e non se deba exactamente ao feito que a xerou.
No entanto, dun modo ou outro sacarías un beneficio: aprender a dominarte e descubrir as causas verdadeiras da túa ira.