Máis e máis violencia

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

CESAR QUIAN

24 nov 2021 . Actualizado á 05:00 h.

Hai uns días escribín sobre unha agresión que, presuntamente, se producira por celos profesionais. Todo apuntaba a que unha futbolista encargara dar unha malleira a outra compañeira de equipo para quedar co seu posto titular. As dúas ían no mesmo coche, pero os agresores só atacaron a unha delas. A sospeita tiña sentido, pero as investigacións están dándolle a volta ao asunto e parece que a orixe da agresión non é esa, senón unha vella coñecida: a violencia machista. No foco da cuestión, un futbolista, Eric Abidal, quen mantiña unha relación extramatrimonial coa futbolista, Kheira Hamraoui, a agredida.

 

Pouco máis se sabe polo de agora, pois aínda hai que poñer luz sobre os feitos, pero... é unha mágoa que non nos estrañe que se trate dun novo caso de violencia machista.

Nin o mundo da cultura nin o do deporte son alleos a esta lacra, por moito que poidamos pensar que deberan ser exemplo doutro tipo de valores.

Hai uns días saían á luz tamén as imaxes dunha brutal agresión dun xogador de fútbol americano á nai do seu pequeno, un bebé de cinco meses que estaba presente no momento no que el a golpeaba e tiraba ao chan.

O problema da violencia de xénero supera a calquera outra orixe de agresión. E nin así lle damos a importancia que merece. Queda moito por concienciar e educar. Que este tipo de novas desagradables non nos sorprendan é un índice clarividente da problemática na que estamos mergullados, un aviso de que nos pode afogar en calquera momento.

É imprescindible cortarlle a raíz.