Razóns para seguir viaxando en avión

Manuel Ameijeiras TRIBUNA

OPINIÓN

NTSB

02 mar 2021 . Actualizado á 05:00 h.

O 11-S provocou o endurecemento das medidas orientadas a garantir a seguridade da viaxe en avión en aras de evitar interferencias ilícitas ou non desexadas nos voos, como os secuestros ou sabotaxes. As regras de seguridade que coñecemos no sector como Security resultaron eficaces, xa que practicamente desapareceron as noticias de avións con problemas desa natureza.

Son de actualidade hoxe en día os sinistros en aeronaves Boeing 737 e 777, o primeiro cos accidentes dos anos 2018 e 2019 en Indonesia e en Etiopía, respectivamente, e o segundo cos desprendementos de compoñentes da aeronave e un motor da mesma nas proximidades de poboacións habitadas de Denver (Colorado, EE.UU.). A seguridade operacional, que está garantida por institucións a nivel global, deixou en terra todos os avións do mesmo modelo que os implicados nos sinistros ata coñecer as causas, aínda que no caso do accidente do B777 non houbese vítimas mortais; non asín nos dos B737 MAX, que acadan a frienta de 350 falecidos.

Hai que valorar na súa xusta medida as decisións adoptadas neste caso para a seguridade operacional que chamamos de Safety pola súa transcendencia económica e geoestratégica, xa que afectan a un mesmo país, Estados Unidos, en plena crise debido á pandemia que arrasa ao transporte aéreo do mesmo xeito que á economía global.

A OACI, que é a axencia das Nacións Unidas para a aviación civil da cal forman parte a maioría das nacións do mundo, garante a coherencia e a solvencia da regulamentación do transporte aéreo e do mundo da aviación civil para harmonizar e coordinar todas as normas que os distintos estados membro haxan de establecer nos seus territorios e impoñan a terceiros.

A Axencia Federal dos Estados Unidos, en novembro do pasado ano, emitiu a certificación pertinente ao modelo B737 MAX para reiniciar as operacións de voo, despois dun complexo procedemento no que se renovaron na súa totalidade todos aqueles sistemas e aspectos que puidesen afectar á operación de voo detectados polas investigacións da axencia encargada da seguridade do transporte en EE.UU. (cuxas siglas son NSTB), o propio fabricante da aeronave e coa coordinación cos reguladores do mundo do transporte aéreo, aeroportos e navegación aérea.

Iníciase por tanto un novo proceso de análise, comprobacións e trámites complexos para un segundo modelo do mesmo fabricante, e só o tempo necesario e as propias conclusións ditarán o futuro do modelo do tipo de avión B 777 e, quizá, tamén do xigante aeronáutico Boeing.