«Juancarlismo»

Emilio Grandío Seoane
Emilio Grandío FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Eduardo Sanz | Europa Press

O juancarlismo morreu. Ninguén pode dubidar a estas alturas que a monarquía borbónica en España está tocada na súa credibilidade. Ningún proceso de transición da ditadura á democracia deixa todos os problemas resoltos. A fórmula de goberno do Estado español é unha delas.

Á morte do ditador o proceso de transición democrática era considerado «inevitable» polo propio réxime. A gran cuestión era: democracia si, pero como? A decisión sobre a forma do Estado fora orientada de xeito claro durante toda a ditadura, pero traspásase incluso nos primeiros pasos democráticos, ata o punto de que se impide nas primeiras eleccións xerais de 1977 a presentación de organizacións políticas que non asumisen a monarquía como forma de Estado. Tras uns primeiros anos de enorme incerteza, o juancarlismo foi a solución que consolidou definitivamente a un primeiro «Juan Carlos I o Breve» tras os feitos do 23-F de 1981. Con el, á monarquía.

Foi un longo camiño de corenta e cinco anos, con moitas preguntas e poucas respostas, que unha vez máis nos indica que debemos superar esa eterna laxa de máis de oitenta anos que segue a identificar sistema republicano de goberno con guerra civil. Democracia con violencia. Aquela democracia dos anos trinta non implicaba de xeito irremediable a ruptura cidadá. A historia deste país é complexa, como todas, e a sociedade non pode quedarse nun simple e maniqueo análise entre monarquía ou república sen analizar os seus contidos. O seu pasado é moito máis rico e interesante que unha historia presentada como cara ou cruz'.

O que se denominou como «exilio» desde os primeiros momentos polos medios de comunicación admite poucas comparacións históricas. Porque non foi un «exilio político» cun monarca no exercicio do seu poder como os anteriores. Foi máis ben un «exilio cidadán» por temas de corrupción que salpican e relaciona entre si a boa parte da elite política dos anos oitenta e noventa. A diferenza é substancial. Non se decae o réxime vixente coa súa marcha, como si sucedera nas dúas anteriores repúblicas de 1873 e 1931, aínda que si é certo que esta última década deixou moi tocadas pezas craves da engrenaxe institucional do 78.

Un cambio consistente cara á fórmula de goberno republicano só conseguirase cunha mensaxe propositivo. Non excluínte, inclusivo. Con contidos sólidos cimentados progresivamente desenvolvendo os conceptos de cidadanía. Unha mensaxe de ilusión, un novo discurso que convenza non aos crentes, senón aos indiferentes. Unha esperanza crible e sólida nestes anos nos que parece que todo cambia de xeito acelerado ao noso ao redor e novas xeracións demandan o seu protagonismo.

Na miña opinión, moito máis importante que a mera saída de Juan Carlos é que a motivación da súa marcha demostrou a existencia dunha sociedade plenamente modernizada e democrática que non pode, que non entende, como institucións baseadas no prestixio e honra familiar defraudan ao propio Estado que din representar. Juan Carlos marcha non só pola necesidade dun cambio de imaxe da familia real tras unha década negra, senón sobre todo porque o seu rol non é asumible nesta sociedade do 2020. Unha sociedade moderna e dinámica, radicalmente distinta da de 1975, que reclama a berros cambios no sistema que axusten a realidade institucional catro décadas despois de 1978. Máis aló de formulacións catastrofistas e de chamadas ao medo foi a conciencia democrática cidadá deste país a que o empurrou cara a este desenlace. Ninguén máis. E nada menos.