A novidade deste 28 de abril é que non só a esquerda preséntase dividida e con sufraxios perdidos nas físgoas da lei D'Hont: o PP vai probar a penalización que tan ben coñece o PSOE, que emerxe tras a súa profunda crise. En Andalucía xa se viu o que sucede cando o voto se reparte entre varias formacións e a dereita máis á dereita cómelle o ril á que se presentaba como compendio das opcións conservadoras; con Cidadáns xa de cheo nesta mesma órbita, despois de renunciar a representar os votantes de centro; e con Vox chamando ao voto máis ultras e antisistema. Se Fraga levantase a cabeza, botaríalles un bo rapapolvo a quen esnaquizou o seu logro de aglutinalos a todos baixo as siglas do PP.
As eleccións do 2011, que deron unha maioría absolutísima ao Partido Popular, supuxeron un punto de inflexión que produciu cambios nas opcións electorais da esquerda. Podemos estaba a piques de asaltar o ceo ao recoñecerse como herdeiros dos indignados da Porta do Sol, pero a indignación non estaba só na esquerda. Cidadáns presentábase como un novo centro, cunha imaxe moderna e progre de líderes que vivían en parella sen casar e man aberta aos cambios sociais que modernizaron a España cañí, pero trufadas por un liberalismo neocon, moderno e conservador ao mesmo tempo. Máis recentemente, Vox, representa outro tipo de indignación, pero contra a España autonómica e os dereitos sociais. O conxunto de todos eses cambios redefiniron notablemente o panorama electoral.
En todo este proceso, o maior desgaste foi para os actores da alternancia bipartidista. O PSOE pagou caro o seu erro ao abordar a crise económica do 2008 e o PP, o seu optimismo ante o custo polos innumerables casos de corrupción que motivaron a súa expulsión do Goberno. A imprevisible moción de censura de xuño pasado converteu a Pedro Sánchez nunha nova versión de Lázaro resucitado que aproveitou ao máximo os escasos dez meses de goberno en solitario, introducindo reformas inimaxinables só un ano antes, como a subida do salario mínimo. A súa chegada á Moncloa tróuxolla en bandexa a crise interna e xudicial do PP, máis para consolidar o aumento de escanos que o manteña no Goberno, precisará do apoio de difíciles compañeiros de viaxe. A aposta é arriscada, pero, se sae ben, haberá Goberno de centro-esquerda para longo e consolidaranse opcións similares nas seguintes eleccións municipais e autonómicas. Madrid sería o caso máis notable, Vigo será, en calquera caso, o bastión do modelo de cidade e Barcelona seguirá intentando escaparse do labirinto en que se converteu o reto secesionista... pero o guion dos próximos catro anos está aínda no tinteiro.