Non podía ser doutro xeito

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Jesús Prieto - Europa Press

O 7,2% das mulleres españolas -1,7 millóns- sufriron algunha agresión sexual na súa vida (15,2% no caso das mulleres de orixe estranxeira) e o 94% di sufrilas reiteradamente por parte da súa parella (Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero, 2015). Outras fontes, como a psicoloxía forense e criminalística, afinan máis o dato: no noso país unha muller é violada cada oito horas, e entre un 10 e un 20% da poboación sufriu abuso sexual durante a minoría de idade. En contraposición a esta crúa realidade, a sección segunda da Audiencia de Navarra vén de rexeitar os recursos para o ingreso en prisión dos membros da Manda, presentados pola acusación particular e as acusacións populares exercidas polo Concello de Pamplona e o Goberno de Navarra, ás que se adheriu a Fiscalía.

Para os maxistrados non existe risco de fuga, pero é evidente que si de contaxio. Desde 2016, cando os sucesos de Pamplona, rexistráronse medio centenar de agresións sexuais múltiples (en grupo) a mulleres e os últimos catro meses foron os peores. Case sempre coinciden no afán por gravar vídeos da fazaña, a mocidade das vítimas, o uso da violencia para consumar a faena e a admiración cara á Manda primigenia como fonte heroica de inspiración. O novo é que os agresores son cada vez máis mozos e, incluso, menores. Aquí e agora, o acceso inmediato e sen límites á pornografía comeza ao redor dos oito anos, nunha pésima iniciación sexual onde prevalece a exhibición da satisfacción do home e o papel submiso ou forzado da muller. A vítima de Pamplona acababa de cumprir 18 anos pero nas múltiples fotocopias que se veñen sucedendo desde entón predominan as nenas de 15 anos ou menos. Das catorce formas de violación e violencia sexual tipificadas, na maioría dos casos citados danse varios simultaneamente: violación en grupo; por parte de descoñecidos: como delito de odio; e pederastia (cando son menores).

Parecese que entre numerosos membros da Xudicatura predomine a carencia de sensibilidade e coñecemento suficiente do espírito da lei. Quizais actúan máis segundo a súa propia doutrina que en razón á racionalidade xurídica, contradicindo a sa confianza en que a Xustiza sexa xusta. Mentres tanto, aumentan os brutos disfrazados de home que se divirten copiando a fórmula acuñada nos Sanfermíns de 2016 polos cinco da Manda seguindo un exemplo normalizado e asumido. Agustín Martínez Becerra, avogado dos agresores, recibiu a noticia do rexeitamento aos recursos cun esclarecedor «non podía ser doutro xeito».

Lamento ter que darlle a razón porque a abundancia normaliza a casuística. E a min ábrenlleme as veas, que queren que lles diga.