Arousa, a terra do ying e o yang

Susana Luaña Louzao
Susana Luaña DE PRIMEIRA MAN

OPINIÓN

MARTINA MISER

10 ago 2018 . Actualizado ás 10:08 h.

Arousa é ese sitio no que estableces conversación na barra do bar e cando o teu interlocutor empina o cóbado dásche conta de que leva unha pulseira telemática. Onde os porcos meriendan haxix e os inodoros regurgitan billetes de mil. Onde os coches de gran cilindrada aparcan na porta da oficina de emprego e onde as avoas sen carné teñen ao seu nome turismos de alta gama cuxas marcas non saben pronunciar. Onde «sen oficio nin beneficio» non quere dicir nin o uno nin o outro, onde «negro» non suxire nada relacionado co racismo nin coa literatura e onde a «fariña» marida co chocolate.

Pero Arousa é tamén ese sitio onde habitan os heroes que saen cos seus barcos ao encontro do chapapote, por moito que algúns non só de fuel manchen as súas mans. E é terra do mellor néctar dourado que poden producir as parras de albariño, aínda que algunhas se plantaron coas cinzas do contrabando. E dos máis saborosos mexillóns, aínda que os criadeiros que os alimentan teñan sido refuxio tantas veces do cobizado Winston de batea.

En Arousa a maioría dos Oubiña son honrados carpinteiros, fotógrafos, futbolistas, piragüistas e ata políticos, pero no palmarés dos Xogos Olímpicos tamén hai apelidos que figuran nas crónicas do narcotráfico. Arousa pariu xenios das letras como Valle-Inclán, Ramón Cabanillas ou Julio Camba, aínda que agora outros publiquen libros coa súa verdade.

En Arousa bátense marcas de parados, marcas de internos na Lama, marcas de tendas milagrosas con pingües beneficios sen que nunca ningún cliente teña entrado nelas, marcas de afortunados gañadores da lotería... pero tamén marcas de doantes de sangue, de romeus de Armenteira, de ovos de Pascua xigantes, de callos que se cociñan en agosto, de turistas, de larpeiros, de festivaleros, de farándula, de xente moi ben e de boa xente.

En Arousa pódesche atopar a un octoxenario que vive nun chalé flanqueado por leóns de pedra que, ao volver do ximnasio, invítache a un viño da casa, preséntache ás súas fillas portuguesas, fálache do seu fillo o crápula e presume de conquistas ás que quintuplica en idade. E é mellor oír e calar, porque ao teu campechano anfitrión, que pasou media vida entre reixas, acúsaselle mesmo de axustarlle as contas aos seus antigos socios. El négao todo, non é máis que un viúvo coas súas propiedades embargadas que vive dunha exigua pensión.

Ao xubilado detivérono de novo, acusado de ter feito o único que sabe facer e o que leva facendo toda a vida. Arrestárono o mesmo día en que os admirados deportistas do club de rugbi Os Ingleses leron o pregón das festas de San Roque e en que As Revenidas presumía de cartel en Vilaxoán.

En Arousa conviven o ben e o mal, o ying e o yang, o ceo e o inferno. Cada cal que elixa. Eu teño alí o meu paraíso.