O cerco estreita ao redor do PP. No xudicial, á primeira sentenza xa firme do caso Gürtel seguirá de forma inminente a que pode sumar máis anos de cárcere para Correa, Crespo e Álvaro Pérez e, sobre todo, ditar tamén penas de prisión para Luis Bárcenas e a súa esposa. Aínda por riba, a detención de Eduardo Zaplana por branqueo de capital e suborno e o anuncio de que outro xuíz investiga ao número dous de Montoro en Facenda por supostas irregularidades cometidas cando era alcalde de Xaén agrandan a nube de corrupción que pesa sobre o partido que nos goberna.
Ao cerco xudicial súmase o dos Presupostos, en mans do PNV, ou o das protestas de colectivos de pensionistas ou de mulleres, entre outros.
Cando o PP vive as súas horas máis baixas, sometido por Cidadáns a unha marcaxe crecente de ton electoral, e Podemos empeza a repuntar nas enquisas, a dúas dos seus principais líderes ocórreselles abrir un debate coa súa decisión de comprar casa.
Como xa se repetiu nestes días, non se poden negar os seus dereitos nin a súa liberdade. O criticable é a coherencia de quen fixo bandeira da austeridade na vivenda e a proximidade aos veciños.
Someter as bases a súa decisión persoal non deixa de ser outro tiro no pé. Abre un innecesario debate interno e fai que, aínda que gañen -como agarda- ese referendo, unha baixa participación pode deixalos tocados e debilitar á organización.
O peor é que semellante suma de acontecementos só suma en favor da abstención e pode abrir o camiño a alternativas disparatadas como as que xa se están vendo na vella Europa.