O eixo do progreso, que ironía

Andrés Precedo Ledo CRÓNICAS DO TERRITORIO

OPINIÓN

Resúltame inevitable revivir na memoria aquelas declaracións que facía o entón presidente do Goberno español, José María Aznar, afirmando con ampulosidade que o futuro de España reflectíase no que o denominaba «o eixo do progreso». Era a imaxe do desenvolvemento moderno, do crecemento expansivo, da vangarda e da internacionalización. Era o futuro exemplar que o seu Goberno garantía ao resto das comunidades autónomas. E que rexións formaban parte dese ejemplarizante eixo do progreso español? Moitos aínda as lembrarán: Madrid, Valencia, e Baleares. A elas engadíase, con outra voz pero co mesmo argumento, a florecente Cataluña dirixida polo clan dos Pujol. Non resulta irónico coa perspectiva actual que esas fosen as comunidades modelo para as demais? Claro que se quixésemos buscar unha imaxe aínda máis representativa da España política de entón, abondaríanos con revivir aquel estrafalario e inoportuno desfile de invitados á voda da filla dun presidente que debeu crerse rei. Agora a maioría están no cárcere ou imputados. De aí arrinca a estratexia das tramas corruptas financiadoras do partido, e dos membros do partido próximos ao núcleo duro do poder. Esa estratexia cuxo resultado estamos a ver agora cunha indignación e un asombro que non decaen por moito que os feitos se repitan.

Pero hai máis. Nunha visita a Santiago, o propio Aznar afirmou que Galicia debería sumarse ao eixo do progreso. E casualmente, naqueles anos empezou a levantarse a Cidade da Cultura, outra das grandes ironías dun tempo que aínda non rematou. Menos mal que a nosa terra se mantivo ao carón do famoso eixo, salvo no que ao Gaiás concerne, e por iso puidemos aliñarnos co resto das comunidades autónomas, moitas tamén gobernadas polo PP, que se resistiron á implantación dunha corrupción intrínseca ao sistema. Unha ironía de progreso que, como era de agardar, ao non rectificar a tempo, foi a causa principal do cambio electoral, do fin das maiorías dominantes, do imperio dunha partitocracia antidemocrática, e da renovación ou rexeneración democrática, cuxo difícil camiño empezamos a andar. E é unha boa lección para todos. Porque os abusos dos Gobernos e a concentración do poder son a senda por onde máis doado entra a corrupción.