A proposta do PP para conseguir que os alcaldes sexan elixidos de forma máis directa polos cidadáns está a producir unha serie de reaccións un tanto curiosas. Por unha banda, algúns estudosos do Dereito afirman que en España temos un sistema de representación política e por tanto deben ser eses representantes elixidos os que decidan quen goberna. Consideran que pretender a elección de alcaldes directamente polos cidadáns é levar a cabo unha fraude electoral e incluso que pode ser anticonstitucional. Outros, sen tantos argumentos legais, aseguran que con esta modificación o PP quere gañar as eleccións como sexa, preparando unha lei que lle favoreza só a eles: unha fraude electoral. E aqueles que consideran pouco defendible a elección indirecta, argumentan que non se pode facer un cambio así cando faltan oito meses para as eleccións. Unha cuestión de tempos.
Creo que son argumentos moi propios dos partidos minoritarios. Eses que nunca van gañar unhas eleccións e sempre van depender de coalicións con outros. Eses que sempre están a desexar sacar un concelleiro ou un deputado para ser bisagra e lograr con acordos o que non lles adxudican os cidadáns nas urnas. Eses que deberían someterse a unha segunda volta para levar a cabo alianzas coñecidas por todos en lugar de buscar os acordos de despacho.
Dá a impresión de que en todos os casos quérese evitar custe o que custe que os cidadáns exerzan o seu dereito para decidir quen debe ser o seu alcalde. Parece que un demócrata convencido debería defender ardentemente o voto directo do cidadán en lugar de buscar sistemas indirectos.
É curioso tamén que os que defenden o argumento de que o PP quere facer unha lei que lle favoreza dan por suposto que o Partido Popular controla xa os votos que van depositar os cidadáns. Coma se a opinión do cidadán puidese ser modificada ou manipulada por unha lei. Coma se a opinión dos electores non puidese cambiar de acordo coas circunstancias sociais ou económicas de cada momento.
Ademais, en Galicia temos un dato empírico: Cando o presidente da Xunta propuxo na lexislatura pasada que quería diminuír o número de deputados, todos os partidos saltaron argumentando o mesmo: o PP tiña malas perspectivas electorais e quería asegurarse a Xunta. Non era posible ceder a esta proposta que buscaba unha fraude electoral. Por tanto, as eleccións levaron a cabo co mesmo número de deputados. Consecuencia: o PP aumentou o número de escanos con algo menos de votos. É dicir, o sistema anterior beneficioulle moito. Agora pode pasar o mesmo.