En México ninguén escapa ao poder da lei. Esa frase tan bonita díxoa hai uns días David Gaddis antigo director xeral da DEA (Axencia Antidroga de USA) para México entre o 2006 e o 2009. Na miña opinión, non pode ser máis errónea a afirmación. Segundo a prestixiosa organización Human Rights, máis de 60.000 persoas perderon a vida na guerra contra a droga que promoveu o entón presidente mexicano Felipe Calderón. En México, o 90% dos asasinatos quedan por resolver. Cifras tan expresivas sitúannos ante unha realidade na que o Estado non garante, polo menos nunha parte do país, o Estado de dereito. Sirva de comparación o mencionar que en 40 anos de existencia etarra a cifra de asasinatos cometidos non chega a 1.000.
Nese contexto, Archivaldo Joaquín Guzmán Loera, alias o Chapo Guzmán (chapo, de chaparro, pois mide 167 centímetros) exerceu, ou posiblemente exerce, desde 1995 ata a actualidade o cargo de xefe do cartel de Sinaloa, converténdose no narco máis buscado do mundo, que ademais ostenta títulos como figurar no posto 60 na lista Forbes. Parecía imposible, pero foi detido hai uns días en Culiacán, capital de Sinaloa. Desde dito estado, segundo a Fiscalía de EE. UU., entre 1990 e o 2008 importáronse e distribuíron máis de 200 toneladas de cocaína e importantes cantidades de heroína por todo o territorio estadounidense. Por iso a súa detención aparece como a máis importante na contorna do narcotráfico nos últimos anos.
Feitas as afirmacións grandilocuentes, habemos de preguntarnos, que pode supor a súa detención? A primeira resposta é que, contra o que se dicía, non chegara a ningún acordo coas autoridades das dúas partes da fronteira, que lle outorgase impunidade. Seguro que ademais de xulgalo en México, Estados Unidos pedirá a extradición. Pero máis aló que a anterior constatación, nada nos indica que a loita contra a droga mellore coa detención: ábrense dúas hipótese. Unha a da loita interna dentro do cartel por lograr a xefatura. E a segundo, que outros carteis intenten facerse co de Sinaloa. O que non aparece como posible é que a prisión do Chapo implique un enfraquecemento do cartel.
Do anterior é consciente o presidente mexicano Peña Nieto que, anunciando a detención, baixou o listón do éxito, en contradición con anteriores presidentes que ano tras ano anunciaban a detención do capo máis importante. E iso creo que tamén o pensaría o atípico presidente uruguaio José Múgica, que o pasado 23 de decembro aprobou un proxecto de lei que ten como obxectivo crear un mercado regulado e legal para a marihuana. «Desde hai máis de cen anos -dixo Múgica-, levamos a cabo políticas represivas, e despois de cen anos chegamos á conclusión de que estas supuxeron un indiscutible fracaso. As políticas prohibicionistas non funcionaron como agardaba». Nese sentido, a detención do Chapo Guzmán non vai supor ningunha mellora. É inevitable o preguntarnos os porqués.
México non é terra remota; o cartel de Sinaloa, no que exercía e probablemente segue exercendo desde o cárcere o seu poder o Chapo, abarca e impón a súa lei nunha superficie de 650.000 quilómetros cadrados (máis que a península ibérica). México é México, unha democracia transfigurada polos fluxos do narcotráfico onde hai manifestacións a favor do Chapo e centos de miles que queren ser chaparros.