Un saldo fiscal evidente

OPINIÓN

19 jun 2013 . Actualizado á 07:00 h.

No século XIX os partidos liberais defendían o progreso, o Estado constitucional e unha modernización do país inspirada na Ilustración e no desenvolvemento dun capitalismo incipiente. Loitaban contra a pervivencia do Antigo Réxime, onde a monarquía, a nobreza e a Igrexa acumulaban, practicamente, toda a riqueza e o poder. O resto eran artesáns, labradores e servos da gleba, todos escravizados polos estamentos mencionados.

Pero desde o último terzo do século XX os partidos neoliberais son xa outra cousa. Agora a súa idea de progreso está ancorada no ámbito conservador e defenden os seus intereses de forma radical. Para os neoliberais o Estado é hoxe un Leviatán devorador da iniciativa privada e das liberdades políticas. A súa expansión -engaden- faise sempre á conta do sector privado, ignorando así os avances sociais e o proceso civilizatorio desenvolvido polo sector público. Desde a regulación das condicións de traballo, verdadeira conquista dos traballadores para saír da escravitude, ata a construción dun Estado de benestar no que a redistribución de rendas vía prestacións e servizos básicos proporcionaron un avance social incuestionable.

Pero o neoliberalismo ten hoxe posición dominante na política, as universidades e os medios de comunicación. Os seus fieis están convencidos de que o mercado é principio e fin de todas as cousas. Asigna os recursos de forma eficiente, redistribúe rendas con xustiza e estabiliza mellor que ninguén a economía. O mercado é un fenómeno, só falla cando se introducen corpos estraños nas súas engrenaxes. Esas turbulencias xéranse cando os sindicatos e a socialdemocracia, que son uns malandrines, enturban o bo facer do sistema.

Crece o sector público á conta da actividade privada? Non, é ao revés. Crece o sector privado por impulso e protección do sector público. Vexamos. O sector público administra en España o 40% do PIB. O resto xestiónao a actividade privada. Pero o sector público devolve practicamente todos os seus recursos ao sector privado por dúas vías distintas. A primeira fundaméntase na contraprestación e afecta a case todos os capítulos do presuposto de gastos. Crecen así o consumo e o investimento, devólvese a carga financeira da débeda pública e transfírense rendas a pensionistas e parados que tamén aumentan o consumo do país. A segunda vía é incentivadora e sen contraprestación. As empresas reciben subvencións, desgravacións fiscais, infraestruturas, o froito da educación, a investigación e a sanidade, etcétera). O saldo final entre estes ingresos e gastos é rotundo e favorable ás empresas. O quejío da patronal non se xustifica. Sábeno moi ben todos os asalariados.