As reformas que se pretenden realizar na Administración local, esbozadas nun borrador do anteproxecto de lei, incorporan dúbidas e interrogantes que interesa precisar. O seu obxectivo é, en principio, incuestionable: hai que racionalizar a estrutura administrativa, precisar competencias, evitar duplicacións e xerar así un aforro estimado superior a 7.100 millóns de euros. Descoñecemos a prioridade do proceso (aforrar ou racionalizar), pero intuímola.
No que incumbe a precisar servizos mínimos con financiamento adecuado que deben prestar os municipios, eliminando duplicidades coas comunidades autónomas e o Estado, así como evitar competencias impropias (compartidas con outras Administracións, amparadas pola lei, pero con límites difusos), o borrador mencionado é tallante. Cada competencia debe ter a súa Administración responsable, outorgando un prazo para a súa reversión, aínda que se manteña a colaboración institucional (vía delegación ou convenio), axustando o financiamento e reforzando o control. Naturalmente isto é positivo, como tamén o é potenciar a independencia da Intervención, regular as retribucións de alcaldes e concelleiros así como obrigar ás mancomunidades e entidades locais menores a render contas para garantir a súa existencia.
Os problemas aparecen cando se recorre ás economías de escala para xustificar a eliminación de competencias propias nos municipios menores de 20.000 habitantes (en Galicia supoñen o 93% do total) mediante o contraste dun custo estándar por servizo, calculado polo Estado segundo tramos de poboación, co custo real dos mesmos en cada municipio. As consecuencias son demoledoras. Se o custo real do servizo afecta a unha competencia impropia e é superior ao custo estándar, suprímese. E se o custo real dun servizo propio ou mínimo supera o custo estándar, transfírese á Deputación respectiva, o que supón reducir competencias, ingresos, persoal e demais activos ligados. Pero son correctas estas decisións? Que variables e ponderacións fixan o cálculo dos custos estándar nos distintos tramos de poboación? Que economías de escala poden obter as deputacións en municipios de poboación reducida e dispersa (en recollida de lixos, iluminación, viais, etcétera)? Lograrase así o aforro estimado de 6.000 millóns de euros en todos os municipios españois? Como serán os municipios galegos nun futuro próximo se a reforma se executa sen dilación nin garantías suficientes? Terá que explicalo o señor Montoro. Pero racionalizar a Administración local galega potenciando as deputacións, debilitando os municipios e ignorando as quebras do mapa municipal vixente, é un erro lamentable difícil de soportar.