Violencia sen apelidos

Arturo Maneiro
Arturo Maneiro A VENTÁ

OPINIÓN

A acertada intolerancia coa violencia que o home exerce contra aquela muller coa que mantén relacións sentimentais -denominada por algúns como violencia machista, violencia de xénero, violencia doméstica- ocupa con frecuencia a exclusividade da condena á violencia.

É lóxico, e enténdeo calquera, que se centren moitos esforzos en erradicar a violencia contra a muller. Pero esta actitude non pode quedarse en exclusividade con este tipo de violencia con apelido. É necesario que exista un clima de tolerancia cero -que é outra forma de chamar á intolerancia- con calquera tipo de manifestación de violencia. Debería facerse o mesmo esforzo para conseguir un clima de rexeitamento á violencia en xeral, tanto física como psicolóxica: aos malos tratos de fillos mozos a pais maiores; aos malos tratos de mozos entre si; aos malos tratos de mozas entre si; aos malos tratos dalgunhas mulleres aos seus maridos; á violencia entre veciños por disputas de lindes. E non digamos a violencia que se exerce na clínicas abortistas contra seres humanos sen voz, algo que incluso moitos non só intentan evitar senón que promoven.

Tamén sería bo conseguir unha condena xeral contra a violencia social. Condena sen paliativos a eses grupos de acoso a políticos e á súa vida privada polas preferentes ou polos desafiuzamentos. Condena ao acoso que se produce con frecuencia nas portas dos xulgados, con insultos ou ameazas a imputados ou condenados. O caso recente de acoso a Isabel Pantoja ao saír de xulgado foi unha manifestación de violencia social que di moi pouco da civilización. Condena ao vandalismo dalgúns grupos de mozos, ese vandalismo que coñecemos ultimamente coas festas de aniversarios en casas rurais, que nos volveu a sensibilizar sobre o tipo de educación que reciben.

Non axuda moito ser condescendentes cunhas manifestacións de violencia ou non consideralas como tal. É fundamental condenar a violencia sen apelidos, saia de onde saia. Toda violencia é unha manifestación de regreso ás cavernas.