H oy, 4 de xaneiro do 2012, La Voz de Galicia non publica que morreu Fidel Castro, que é o que onte creron millóns de persoas por un conto difundido nas redes sociais. La Voz publicarao cando ocorra. Como fixo sempre.
A revolución das telecomunicacións, das relacións telemáticas, do mundo ao alcance dun clic, continuará sorprendéndonos e cambiándonos a vida cada mañá. Pero tamén cada mañá será necesario que nos expliquen os feitos que ocorren cabeceiras como La Voz, dedicada ao exercicio honesto do oficio do xornalismo desde fai máis dun século. No meu caso, podo dar fe diso: dez anos como lector novel e máis de vinte como empregado, cando para confirmar unha noticia cunha fonte había que ir buscala ao lugar no que botaba a partida ou agardar a que chegase a casa a cear para localizala no teléfono fixo, que outro non había.
Como o futuro só pertence aos que evolucionan e adáptanse, La Voz estrea no seu 130 aniversario a mellor planta de impresión do momento e unha plataforma dixital para contar o que ocorre coa inmediatez que esixe a nova era, con veracidade e baixo os postulados editoriais e de independencia que converteron a esta cabeceira nun dos contados símbolos de identidade colectiva dos galegos, mal que a pesar de outros.
Cando o país saia do abismo económico no que está metido dando voltas como unha buxaina, La Voz estará alí para contalo en calquera soporte. Ademais, estará en disposición de facelo tan ben como ninguén pola vantaxe competitiva que lle outorga o que o seu editor e propietario apostase pola renovación tecnolóxica da impresión e polas plataformas dixitais en plena tempestade económica.
O 130 aniversario dunha cabeceira que leva gravado en vermello o nome da súa denominación de orixe e a súa razón de ser coincide tamén co trinta aniversario da creación das edicións locais do xornal en Vilagarcía, Barbanza, Carballo e A Mariña. Durante lustros, La Voz foi tecendo lazos de proximidade cos seus lectores a través das súas trece edicións, á vez que creou unha conciencia de país e de territorio, de identidade en definitiva, a través da defensa de intereses colectivos, a risco algunhas veces de ser incomprendida.
Colocarse na vangarda da innovación non impedirá que o xornal de mañá ou o de pasado siga sendo o mesmo: comprometido cos seus lectores e independente porque o seu editor, Santiago Rey Fernández-Latorre, é o primeiro en exercer con honestidade o oficio do xornalismo.