COÑECÍN a Víctor Freixanes hai xa trinta anos. Estabamos ambos nos mellores anos da nosa vida, aqueles que corresponden á formación universitaria. Foi en Madrid e Víctor chegaba á cidade para facer un estudo de posgrao sobre Félix Grande ou Paca Aguirre, que o mesmo dá. Viviamos nun colexio maior, que era un territorio liberado onde convivían os últimos nostálxicos do SEU co máis selecto do pensamento liberal e o antifranquismo militante. Intuïamos un país novo coincidente co noso desexo de liberdades agardadas e preparabámonos en debates infinitos, en madrugadas discutidas e en lecturas sen apenas concesións literarias. Menos mal que logo sería a literatura a que nos ía a redimir e a recolocar. Aquel Madrid era a cidade alegre e confiada que xa deixou de selo, viviamos unhas vésperas enfebrecidas de cambios agardados , actuabamos en todas as frontes posibles cun estajanovismo xuvenil e encomiable. Cineclubs combativos, realismo social en foros obreiros e en sancristías de igrexas da periferia urbana, entrismo militante en publicacións conservadoras, premios poéticos de convocatorias inverosímiles, galeguización do cotián. Publicabamos poemas -por entón todos eramos poetas- en Reseña que tiña a Ernesto Escapa de embaixador en Madrid, e Víctor mantiña un programa de radio de fin de semana , só para Galicia, na SER , eran os tempos de Crónicas dun galego na Porta do Sol que soaba inxenuamente popular. Os meus amigos foron os seus, e continúan séndoo, Tom, Charli, Manolo, Elías, et altri, e o que máis admiraba de min por entón, seica o único, era unha noiva famosa e cinematográfica que foi a envexa de todos os meus camaradas. Era a primeira e nerudiana estancia de Freixanes en Madrid. A cidade era unha pota a presión, os tempos, como nun himno eran chegados e nós tiñamos trinta anos menos. Galicia, un país que deseñabamos para un futuro próximo, era o noso norte común, unha sorte de patoloxía colectiva, e establecemos unha fraternidade de todas as galicias con moitos dos estudantes e profesionais galegos que vivían en Madrid. E volveu Celso Emilio dun exilio venezolano, e eu tiña a súa amizade e as chaves virtuais do seu piso madrileño, alí levei a Víctor e a tantos outros e xuntos escribimos en voz alta os nosos mellores poemas civís. Víctor regresou a Galicia. Tiña que facelo, era a súa cita aprazada, o seu compromiso máis solidario. Velaí vai a nave capitá, lanuxe amiga , e outra vez xa con familia, con Malós, que fora a súa enfermeira nunha longa convalecencia e sempre a súa compañeira recalou en Madrid para dirixir unha editorial en castelán como só sabe facelo un galego. E nesa fronteira cando xa os fillos elixen un camiño irreversible, volveu mudar, esta vez para quedarse, á Terra. Víctor Freixanes é un dos nosos, un xestor cultural para os tempos que veñen, un activista da cultura, un escritor consolidado, pero por amais de todo un amigo. Moitas foron e son as nosas coincidencias de oficio, comentámolas en Madrid e en Frankfurt, quizais en Buenos Aires, case nada nos separa e moito nos vincula. Pertence a esa raza dúas bos e xenerosos, a unha xeración atopada que sucede á máis perdida das xeracións no panorama cultural e político de Galicia . Eu saúdo emocionado os premios e as distincións de Víctor Freixanes, os seus novos labores e as responsabilidades elixidas. Xa sei que é infrecuente escribir sobre os amigos que exercen parecidas disciplinas ás dun mesmo. É tan infrecuente, Víctor, como sincero.