Os datos avalan a candidatura ao ascenso do Racing de Pablo López

Elba de la Barrera Agulló
E.Barreira FERROL / LA VOZ

OPA RACING

Pascu, en la imagen frente al Mérida, sigue siendo el máximo goleador del Racing.
Pascu, na imaxe fronte ao Mérida, segue sendo o máximo goleador do Racing. JOSE PARDO

O equipo recupera a segunda posición, colócase a 5 puntos do Tenerife e está en cifras similares ás da tempada 22-23

07 dic 2025 . Actualizado á 22:47 h.

Dous partidos por diante ata o mini parón do Nadal —o Unionistas e o Real Avilés Industrial son os próximos rivais— para un Racing Club Ferrol apoiado pola estatística.

Con Pablo López (enxeñeiro de formación) ao temón, o dato avala o obxectivo de loitar polo ascenso, que se marcou o club a comezo de tempada. Os números sosteñen o traballo do corpo técnico fronte as dúbidas e a crispación das últimas xornadas. Vinte e sete puntos en quince partidos, oito vitorias, catro derrotas e tres empates sitúan ao cadro naval segundo no Grupo 1 de Primeira Federación. Prata clasificatoria que ostentan en solitario tras o empate do Real Madrid Castela de Arbeloa na súa visita ao Zamora e a picada da Celta Fortuna contra o Pontevedra. O empate 2-2 do Tenerife achega o liderado a cinco puntos dos de Pablo López. 

A COMPARATIVA

Ao ronsel do Tenerife

Coa do partido do sábado fronte ao Cacereño son cinco porterías a cero as que acumula o Racing, que é o segundo equipo con mellor diferenza entre goles a favor e o contra (+5) de todo o grupo. Só o Tenerife, imparable con 29 goles a favor e 10 en contra, está a mostrar maior equilibrio nas áreas que os de Pablo López. A fragata verde anotou vinte dianas e encaixou quince. O que sae a un tanto encaixado por partido.

o factor campo

Fortificar A Malata

Facer da Malata un fortín era unha das máxima do técnico Pablo López antes do inicio da tempada e é precisamente na explotación do campo propio onde o Racing ten unha materia pendente.

O equipo, só superado polo Tenerife e Avilés, é o terceiro mellor como visitante. Sumou 12 puntos en 7 partidos, con 4 vitorias e 3 derrotas. Na casa, con 15 puntos cultivados, a fragata verde queda fóra do podio clasificatorio e cae ata a novena posición da táboa. Os de Pablo López, que disputaron 8 partidos á calor da Malata, encaixaron 8 goles na súa casa por 11 anotados. A visita do domingo de Unionistas de Salamanca antóllase, por tanto, como unha oportunidade de ouro para apontoar as cifras na casa e reforzar a candidatura para pelexar polo ascenso.

a hemeroteca

A tres puntos de Cristóbal

Máis aló da súa solvencia numérica no presente curso, o Racing de Pablo López está próximo aos algarismos do de Cristóbal no último ascenso a Segundo na tempada 2022-2023. O Racing acumulaba entón 30 puntos na xornada 15. Son 3 máis que os desta tempada. Nese momento o cadro naval era cuarto mentres que agora é segundo. Sumaba 21 goles a favor fronte aos 20 actuais e 10 encaixados polos 15 desta tempada.

 

Os datos:

27 puntos

Tres menos que no 2022

O Racing do último ascenso acumulaba 30 e estaba cuarto fronte á actual segunda praza.

20 goles

Por 15 encaixados

Os de Pablo López son o segundo equipo con mellor balance entre dianas a favor e en contra, superados polo Tenerife.