Só Parera mantense con pleno de minutos nun equipo no que as titularidades rotan e no que nove xogadores achegaron xa goles
15 nov 2025 . Actualizado á 21:38 h.Este domingo, Pablo López volverá levarlle a contraria a Toshack, que despois do partido se cargaría a todos os xogadores. O martes xa só a oito, o xoves rebaixaría a condena a só dúas ou tres e o domingo inevitablemente e, segundo as súas propias e xa míticas palabras, «acabarían xogando o mesmos once cabróns de sempre». Pero este Racing Club Ferrol, con once xornadas de campionato ligueiro consumidas, non vai disto.
Na Malata xa ninguén recita a aliñación inicial de memoria a modo de ritual e tampouco se lle rende inquebrantable pleitesía a ningún ídolo. Os vellos costumes deron paso, co cambio de ciclo, a outras novas que —como o equipo — están tamén en fase de construción. Giménez ou Escobar na dianteira? A gran pregunta de cada semana na que o dato acaba impondo a gran verdade deste curso no fortín da ría; que todo se reparte. Dos minutos aos galóns, pasando polos goles.
o once de gala
Rotación garantida
A ausencia de Pujol (convocado con República Dominicana) asegura, para seguir coa tónica habitual do curso, polo menos unha rotación no once con respecto á aliñación inicial da vitoria co Arenteiro. Markel Artetxe, que leva sen gozar de minutos desde a visita do Arenas Club de Getxo, supliu ao central na súa última ausencia fronte a Osasuna Promesas en Tajonar. Tamén existe a posibilidade de que Zalaya volva tras a súa lesión e sexan dous zurdos como o maño e Chema Rodríguez os que ocupen a última liña. Este cambio seguro non exclúe que se produzan rotacións noutras liñas. Tan só o porteiro Miquel Parera goza de pleno de titularidades e minutos no que vai de Liga e os seguintes no escalafón son Álvaro Ramón e Jairo.
os galóns
Cambiantes
Máis aló da repartición de minutos, no que os máis prexudicados están a ser o canteirán David Carballo e o gardameta sub-23 César Fernández, os galóns tampouco recaen exclusivamente nun único xogador. Sergio Tejera, coa súa experiencia e a súa capacidade de interceptación, é actualmente o xerarca dunha medular que tamén comandou Ander Gorostidi. No eixo da zaga, a lesión de Zalaya abriu a porta do minutaje a Chema Rodríguez e Saúl García e tampouco no lateral dereito pode darse por fixo Migue Leal, que ten en Álvaro Mardones a un incansable competidor. Por ese mesmo flanco, tamén hai pugna no extremo entre David Concha e Álvaro Juan e só Jairo e Pascu parecen estar actualmente asentados ao 100% na parcela ofensiva.
os goles
Implicación total
A presente repartición de responsabilidades reflíctese tamén na parcela anotadora. Giménez e Escobar, principais referencias de ataque, suman tres dos 15 goles anotados polo equipo. Pascu, con catro dianas, é o máximo hacedor do equipo no que achegaron gol nove de vinte e un futbolistas de campo. Ademais, en tres ocasións foron xogadores que saían do banco os encargados de anotar a diana decisiva. Álvaro Giménez fronte á Ponferradina e tamén ante Osasuna Promesas e Concha no empate contra o Ourense.
a construción
Cousa de todos
Así, con só tres xogadores que continúan da pasada campaña, a construción dunha fragata verde sólida está a ser unha cuestión coral. Neste Racing, que aínda non xoga de memoria, a impredecibilidad xoga un papel importante. É cousa de todos pedila cando o balón queima e o rival presiona alto e tamén finalizar xogada cando parece que custa que a pelota acabe nas botas do dianteiro. É o modo no que Pablo López e David Pérez entenden que se debe pasar de bosquexo a realidade. Así chegou o gol de Álvaro Ramón en Espiñedo ou a achega de Saúl como central. Compartir é vivir e, neste caso e para negarlle a maior a Toshack, sobrevivir é máis doado se reman vinte e catro que once.
xestión de grupo
O xesto de Pablo López con David Pérez
«No Racing non hai titulares nin suplentes, hai estados de forma e plans de partido». Esta é a frase máis repetida polo preparador Pablo López no que vai de competición. Unha afirmación que está, ademais, sustentada por datos porque, a estas alturas da tempada, tan só teñen pendente formar parte dun once inicial oficial o pontés David Carballo —que dispuxo dalgúns minutos na segunda parte da primeira eliminatoria copeira en Langreo— e o gardameta César Fernández (único efectivo inédito ata a data). Isto é, o 91, 7% do persoal foi xa titular.
Unha xestión de minutos e de vestiario na que está a pór especial coidado o corpo técnico do Racing. Neste sentido, o propio Pablo López —que volve este domingo para sentar no banco tras cumprir dous partidos de sanción pola vermello que viu en Balaídos— quixo predicar co exemplo da inhibición do ego e tivo un gran xesto co seu segundo David Pérez.
Despois da derrota do equipo fronte ao Tenerife na Malata, a pesar de ser Pérez o encargado de dirixir o banco, foi o propio Pablo López o que deu a cara na rolda de prensa pospartido. No entanto, non dubidou o coruñés en ceder a palabra ao seu segundo tras a vitoria dos seus en Espiñedo. Pequenos detalles que sosteñen ao grupo e que lle dan consistencia á súa idea de equipo.
Parera 990
Álvaro Ramón 834
Jairo 833
Gorostidi 811
Pascu 799
Pujol 726
Migue Leal 678
Escobar 655
Zalaya 565
Álvaro Juan 546
Álvaro Peña 533
Tejera 513
Saúl 513
Dacosta 435
Mardones 416
Artetxe 415
Álvaro Giménez 389
Concha 361
Gelardo 300
Chema 230
Azael 163
Lucas Díaz 90
Carballo 20
César 0
*Sumatorio entre Liga e Copa (sen tempos de engadido)