
En tres dos catro partidos na casa, o rival adiantouse no marcador
05 oct 2025 . Actualizado á 19:44 h.Arrincar ben os partidos, ao cento por cento de concentración, é fundamental para non sufrir, para non temer que remar contra corrente, co consecuente desgaste que iso supón. O Racing non acaba de aprender a lección, xoga con lume e ao final acaba queimándose, xa que non sempre se pode remontar.
Dos catro partidos disputados polo Racing na casa, no fortín da Malata, en tres deles vense por baixo no marcador. Na primeira xornada o Racing enfrontouse ao Talavera. Aos 19 minutos, Marcos logrou o 0-1 e ao Racing tocoulle apelar á heroica para remontar. Conseguiuno con goles de Jairo Noriega e Zalaya; no segundo partido na casa o Racing enfrontouse á Ponferradina. De novo, o rival adiantouse no marcador, aínda que foi aos 48 minutos. De novo, o Racing tivo que facer un sobreesforzo para remontar, o que conseguiu con tantos de Álvaro Juan e Álvaro Giménez.
No terceiro partido como locais, fronte ao Guadalaxara, non houbo remontada. O Racing mantivo a súa portería a cero, pero tampouco acertou arriba.
O cuarto partido na casa da tempada foi o encontro do sábado fronte ao Ourense CF, no que os ferroláns volveron ás andadas. Aos 10 minutos de xogo o Ourense CF xa gañaba por 0-1 e puido ser peor de non ser por un par de boas mans de Miquel Parera e un balón que se estrelou no pau.
Esta vez, non chegou a remontada, David Concha logrou o tanto da igualada e de aí xa non se puido pasar. Tras o empate a cero fronte ao Guadalaxara, dous novos puntos escaparon do campo da Malata.
O Ourense CF ofreceu no partido da Malata un recital de entrega no terreo de xogo, non exenta de orde e dunha estratexia ben planificada. Os de Llácer, sobre todo na primeira parte gañaron case todas as disputas, os balóns divididos, mucho máis activos que un Racing non reaccionou ata que se viu coa auga ao pescozo e tras introducir Pablo López tres cambios para tratar de paliar unha situación moi adversa.
O Racing deberá de aprender a lección, deixar de xogar con lume e saír ao cento por cento desde o primeiro minuto.
Ao equipo cústalle marcar, sorprender coas estratexias a balón parado é cada vez máis difícil, os rivais estudan ben os rematadores. Por iso, tendo en canta o que custa marcar, para o Racing é fundamental non encaixar. Facerse forte na casa é fundamental para estar arriba.
Os datos:
7 Goles anotados
Os ferroláns anotaron sete goles nos seis partidos xogados.
5 Goles encaixados
Os de Pablo xa recibiron cinco goles en seis partidos.
8 Puntos na casa
O equipo sumou oito puntos na casa. Escaparon catro.