LaLiga axudará a comercializar os dereitos de TV en Primeira RFEF

Jose Valencia FERROL / LA VOZ

OPA RACING

CÉSAR TOIMIL

A Federación quere impulsar a categoría con esta vía de ingresos

15 jul 2025 . Actualizado á 19:53 h.

Cando a Federación Española de Fútbol puxo en marcha a Primeira Federación, con clubs de toda España repartidos en dous grupos, ía ser unha categoría ponte cara á liga de Fútbol Profesional. Falouse dun proxecto ilusionante, ambicioso que contaría con moitas axudas, aínda que todo se quedou en case nada. Na nova etapa na Federación Española de Fútbol, con Rafael Louzán á fronte, as alianzas coa LaLiga apuntan a un sopro de aire fresco tanto a Primeira como a Segunda Federación.

De momento, non se sabe quen ofrecerá os partidos da Primeira Federación na próxima tempada de liga, a campaña 2025/26. A Federación Española de Fútbol sacou a concurso os dereitos televisivos da categoría por cinco millóns de euros, aínda que quedou deserto. Agora, barállase a posibilidade que sexa LaLiga (a que ofrece os encontros de Primeira e Segunda División), sexa a que ofreza tamén os 20 encontros que se disputarán en cada xornada de liga na Primeira Federación. Incluso se fala dunha colaboración coas canles autonómicas para ofrecer estes encontros.

O obxectivo é mellorar a calidade do produto, as imaxes dos partidos e desta forma atopar novas vías de comercialización. A alianza entre LaLiga e a Federación Española de Fútbol pode proporcionar novas vías de ingresos entre os clubs, xa que son poucas as axudas económicas que hai nesta competición de bronce do fútbol español.

A Federación Española de fútbol informou que na xornada do luns, o salón Luis Aragonés da Cidade do Fútbol, desenvolveuse unha reunión, na que participaron Rafael Louzán e Javier Tebas, cos clubs de Primeira e Segunda Federación. Foron 37 dos 40 clubs de Primeira Federación e 60 dos 90 no caso de Segunda Federación. Ao encontro cos clubs, ademais, han asistiron os presidentes de distintas federacións de ámbito autonómico da RFEF.

As novidades

O presidente Rafael Louzán presentou as principais novidades en materia económica, tanto as axudas actualizadas por partidas para a tempada, como o novo regulamento de control económico, que se implementará xa case ao completo na Primeira Federación e de xeito progresivo para a mellor xestión dos clubs participantes en Segunda Federación.

Dereitos de televisión

No caso dos dereitos audiovisuais, analizouse o modelo de xestión anterior como punto de partida para presentar un novo modelo máis eficiente e que leve a melloras na competición. Para Primeira Federación, o presidente de LaLiga, Javier Tebas, presentou as liñas mestras dunha plan segundo o cal dita institución colaborará na xestión da comercialización dos dereitos audiovisuais da categoría. Todo iso, co obxectivo de mellorar a calidade do produto audiovisual en xeral, e explorar distintas vías de comercialización.

Para a tempada de Segunda Federación presentouse a novidade de que as contías por desprazamento serán proporcionadas á distancia percorrida polos clubs. Ademais, informouse de que se está traballando nun programa que permitirá incentivar o traballo real dos clubs para facer canteira e formar futbolistas.

Estas reunións culminaron os distintos grupos de traballo que desde febreiro a RFEF veu desenvolvendo onda os clubs participantes. Nesta tempada, por primeira vez, a definición dos distintos grupos de Primeira Federación foi votada polos clubs, e no caso de Segunda Federación realizouse da man das federacións territoriais, que son quen onda os clubs, encargados de votar as propostas.