Volve o «trofeo de ouro»

Laura Chaos / J.V. FERROL / LA VOZ

OPA RACING

Anónima

O histórico Concepción Arenal celebrarase o vindeiro 23 de agosto ás 20 horas, nun enfrontamento contra o Celta Fortuna no campo da Malata

03 jul 2025 . Actualizado a las 17:55 h.

Despois de tres anos sen celebrarse, o Trofeo Concepción Arenal, unha institución do fútbol ferrolán e galego, regresará ao campo da Malata este verán. O conxunto ferrolán, o Racing de Ferrol, enfrontarase co Celta Fortuna o vindeiro 23 de agosto, recuperando así unha competición histórica para a cidade. De acordo con Jorge Deza, autor do libro sobre a Historia do Racing de Ferrol, este torneo estival xogouse por primeira vez no verán de 1953, constituíndo un fito histórico, pois o antigo Estadio Manuel Rivera acolleu a case 20.000 persoas, marcando un récord de asistencia no fútbol ferrolán que prevalece ata a actualidade.

Ademais, o Concepción Arenal foi o primeiro trofeo feito de ouro dentro do marco do fútbol español. O encontro que inaguraría a primeira das edicións do Trofeo enfrontaría ao Athletic Club de Bilbao co Valencia CF, rematando coa victoria do equipo vasco cun resultado de 3-1.

«A creación do trofeo xorde da man do daquela alcalde de Ferrol, José Manuel Alcántara Rocafort, xunto ao seu Concelleiro de Deportes, Manuel Seijas Brea. Segundo —comenta Jorge Deza— impúlsase a organización do Concepción Arenal na liña da moda da época, na cal se estilaba a organización de torneos benéficos como se levaba facendo na Coruña co Teresa Herrera. Deste modo, decídese bautizar á competición facendo homenaxe a unha das figuras ilustres de Ferrol, tamén a modo de alusión á predecesora Copa Concepción Arenal, celebrada no 1910. Deste xeito, o Trofeo Concepción Arenal converteríase nun dos torneos veraniegos pioneiros en España, xunto ao xa mencionado Teresa Herrera e ao campionato gaditano Ramón de Carranza».

Grandes clubes

Grazas ao Concepción Arenal, a cidade de Ferrol recibiu aos grandes equipos nacionais de todos os recunchos de España, coma poden ser o Deportivo da Coruña, o Celta de Vigo, o FC Barcelona, o Real Madrid, o Athletic Club de Bilbao ou o Valencia CF, entre moitos outros.

Por outra banda, o Manuel Rivera e A Malata foron tamén testigos dos xigantes futbolísticos internacionais da época. Durante os anos 60 competiron no torneo principalmente equipos portugueses coma o Vitória de Guimarães, e no 1975 fixo aparición o Clube Deportivo Palestino, orixinario de Chile. É durante a década de 1990 cando o Concepción Arenal vive o que Deza califica coma «dúas edicións de luxo» , e posiblemente as máis lembradas polo público ferrolán: a do 1994, Aston Villa vs Atlético de Madrid, e a do 1995, AFC Ajax vs Real Zaragoza. Isto suporía un adianto do que nun futuro sería a Supercopa de Europa, que non se disputaría oficialmente ata o ano 1973. Outros equipos estranxeiros que participaron no Concepción Arenal inclúen o Nacional de Montevideo (na edición de 1986) e o Futebol Clube do Porto (no 1997).

RAFAEL ESTEVEZ

«Ademais de tratarse dun espectáculo deportivo, o Concepción Arenal serviu en moitas ocasións coma mercado de fichaxes para os clubes que visitaban a cidade, sendo o traspaso máis soado o do racinguista Santiago Castro, que daría o salto a primeira división da man do FC Barcelona tras a edición de 1968», comenta Jorge Deza.

Unha época dourada

Fóra do compoñente deportivo, Jorge Deza describe a época dourada do trofeo Concepción Arenal coma «unha cita ineludible», un día sinalado que reunía aos ferroláns e ferrolás no Manuel Rivera e que constituía un dos eventos máis concorridos das Festas de Ferrol.

Ao longo de máis de setenta anos de historia, o torneo viviu diversas cancelacións, na súa maioría debidas a motivos de carácter económico, organizativo, por mor das obras no estadio da Malata ou recentemente debido á pandemia da COVID-19. Con todo, o historiador do Racing, Jorge Deza, apunta que unha das principais dificultades á hora de organizar un torneo coma o Concepción Arenal pasa por un cambio substancial no fútbol: «As pretempadas son agora moito máis curtas do que eran nos anos 90, alén de que moitos equipos adoitan facelas fóra de España. Así, concertar este tipo de citas deportivas é cada vez unha tarefa máis complexa. É por este motivo que a recente confirmación da edición de 2025 é unha noticia esperanzadora para o fútbol ferrolán, que se resiste a deixar caer no esquecemento o seu «trofeo de ouro».

O día 23 de agosto o Concepción Arenal volverá a disputarse na Malata.