O Racing de Ferrol perde en Almería e descende á Primeira Federación (2-1)

Jose Valencia FERROL / LA VOZ

OPA RACING

CARLOS BARBA I LOF

Os ferroláns apelaron ao orgullo, fixeron un partido digno aínda que non puideron evitar unha nova derrota

29 abr 2025 . Actualizado á 20:10 h.

Era a crónica dunha morte anunciada. O Racing de Ferrol perdeu por 2-1 fronte ao Almería e descende á Primeira Federación. Os ferroláns sitúanse a 16 puntos do Zaragoza, que ocupa a primeira praza de salvación, cando xa só restan cinco partidos, quince puntos por disputar, polo que o descenso xa é matemático. O histórico equipo de fútbol ferrolán (en outubro cumpre 106 anos) só puido aguantar dúas campañas na categoría de prata do fútbol español, cando o obxectivo era consolidarse na liga de Fútbol Profesional. O club ferrolán confía en que sexa un paso atrás para a continuación dar dous cara adiante, xa que todo indica que en breve arrincará un novo proxecto deportivo encamiñado a devolver ao Racing de Ferrol á Segunda División.

Na recta final da liga, con todo decidido, o Racing buscou acabar a competición con dignidade, tratando de ofrecer o máximo de triunfos aos seus seguidores. Tras vencer ao Eldense por 1-0 na pasada xornada de liga, o Racing afrontou o partido fronte ao Almería coa intención de dar a sorpresa, aínda que diante tiña a un dos equipos que puxan esta tempada polo ascenso á máxima categoría, co mellor ataque da categoría nas súas filas.

CARLOS BARBA I LOF

O Racing tirou do orgullo para mostrarse moi activo no arranque do encontro. Defendeuse con orde e suxeitou ben a un Almería que buscou balóns ás costas da defensa racinguista. O Racing non pasou a puros, ofreceu unha boa imaxe e incluso, na recta final da primeira parte, chegou arriba con perigo, cun bo remate de Naldo, tras un saque de esquina, un remate de Álvaro Giménez, unha falta na frontal da área sacada por Héber que vai á barreira ou un bo remate de Dorrío.

En pleno domino do Racing hai unha boa chegada do Almería, na que Naldo, tras un esvarón, fai penalti a Luis Suárez. O brasileiro non tivo o seu día, xa que no arranque do partido xa tocara un balón coa man, aínda que o árbitro non viu penalti na acción. O colombiano Luis Suárez, desde os once metros, anotou o 1-0 que adiantou aos andaluces no marcador. Unha vez máis, o fútbol foi cruel co equipo ferrolán.

No arranque da segunda parte o Racing tivo o empate a un gol, tras un gran centro de Héber Pena, aínda que Álvaro Giménez cruza en exceso o balón e mándao fóra.

No seguinte ataque produciuse unha contra do Almería cun centro de Pubill que aproveita Luis Suárez para, adiantándose a Puric, rematar o balón ao fondo da rede. Foi o 2-0.

Aos 53 minutos Álvaro Giménez enviou un balón ao fondo da rede, aínda que o árbitro non deu validez ao tanto por un fóra de xogo previo.

O partido xa estaba de cara para os andaluces e ao Racing xa só lle quedaba aguantar da mellor forma posible ata o final do encontro, xa que as posibilidades de remontar o adverso marcador parecían remotas.

O Racing nunca baixou os brazos, houbo bos centros de Héber Pena desde a banda, con remates de Álvaro Sanz e Álvaro Giménez desviados, deixando patente, unha vez máis, a falta de pegada do equipo ferrolán. Xa no tempo de desuento Álvaro Giménez logrou o tanto dos ferroláns. O tanto meteu o medo no corpo aos locais, que acabaron pedindo a hora.

Puric e Naldo, baixas por cartóns

Aínda que xa descendidos, os ferroláns xa teñen que centrarse no próximo partido de liga no que se enfrontarán ao Zaragoza, o domingo ás catro e cuarto na Malata encontro no que serán baixa por acumulación de cartóns Naldo e Puric. David Castro será o único central dispoñible, polo que Fran Manzanara podería ter que botar unha man de central. Rober Correa e Erick Cabaco seguen entre algodóns e poderían non estar disposnibles para botar unha man neste encontro. Quedan cinco partido por disputar, que o Racing ten que afrontar co máximo orgullo.

Ficha Técnica

2: Almería. Fernando, Pubill, Edgar González, Kaiky, Centelles; Melero (Guedes, min 76), Selvi; Baptistao (Arnau, min 86), Arribas (Pozo, min 76), Nico Melamed (Robertone, min 63); Luis Suárez (Milovanic, min 86).

1: Racing de Ferrol. Jesús Ruiz, Nacho Sánchez, Puric, Naldo, Brais Martínez; Fran Manzanara (Gelardo, min 83), Señé, Álvaro Sanz (Raúl Blanco, min 80); Dorrío (Naim, min 76), Héber Pena (Jauregi, min 80) e Álvaro Giménez.

Goles: 1-0, min 41: Luis Suárez de penalti; 2-0, min 50: Luis Suárez; 2-1, min 93: Álvaro Giménez

Árbitro: Salvador Lax Franco (Comité Murciano). Amarelas a Meleno e Selvi no Almería, así como a Nacho, Puric e Naldo no Racing.