O Albacete é o próximo rival do Racing de Ferrol, o luns ás 20.30 no Carlos Belmonte

Jose Valencia FERROL / LA VOZ

OPA RACING

CESAR TOIMIL

Os manchegos pelexan por escapar dos postos que levan ao descenso de categoría

19 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras a partida fronte ao Real Valladolid no campo da Malata ao Racing corresponderalle desprazarse a terras de Castela-A Macha para enfrontarse ao Albacete. O partido está previsto para o luns 25, ás 20.30 horas no estadio Carlos Belmonte.

O Racing atoparase a un rival nunha situación desesperada, metido na zona baixa da clasificación, pelexando por sacar a cabeza da zona de perigo. Ademais, non pasa polo seu mellor momento, os seus catro últimos resultados foron un empate, 1-1 en casa do Amorebieta e tres derrotas nos tres últimos encontros. Caeu 2-1 no Molinón fronte ao Sporting, perdeu 1-2 en casa fronte ao Real Oviedo e na pasada xornada caeu derrotado no Martínez Valero fronte ao Elxe por 3-2.

Con total seguridade afrontarán a partida fronte ao Racing como unha auténtica final, xa para os equipos da zona baixa da táboa as posibilidades de permanencia sempre pasan por facerse fortes en casa.

Rubén Albés e Quiles

Nas filas dos albaceteños sobresae a presenza do exdeportivista Alberto Quiles, por quen se interesou o Racing na pretemporada, aínda que a oferta dos manchegos foi superior á de Carlos Mouriz e o xogador foise ao Albacete. Non é nin moito menos titular indiscutible no equipo, nos 31 encontro de liga disputados só foi titular en quince encontros e estivo no campo 1.548 minutos. Tampouco estivo moi acertado de cara ao gol, xa que leva catro tantos no que vai de campionato.

No banco está un técnico galego, o vigués Rubén Albés, que coñece ben ao equipo ferrolán.

Nove goles

O encontro de ida entre o Racing e o Albacete, disputado na Malata, xa foi raro. Acabou cun tenteo de 5-4 a favor dos ferroláns grazas a tres tantos de Sabin Merino, un de Carlos Vicente e outro de Señé. Polo Albacete Escriche fixo dous e os outro dous tantos foro de Fuster e Olatxea.

O partido parecía de cara para os ferroláns, aínda que acabou complicándose. Cun 3-3 Sabín anotou dous goles, o segundo aos 94. Todo parecía decidido a favor do Racing cun 5-3 no marcador, aínda que chegou un tanto de Escriche aos 99 minutos e provocou unha certa incerteza, aínda que finalmente os tres puntos en xogo quedaron en casa.