'In memorian' de Pepe de Bastián, un dos primeiros sindicalistas da Mariña

Xulio Rodríguez Leiras

OBITUARIOS

Vista de Mondoñedo
Vista de Mondoñedo XAIME RAMALLAL

28 may 2025 . Actualizado a las 13:21 h.

Xosé Ramón Polo Díaz, para nós sempre foi Pepe de Bastián. Naceu no Coto da Recadieira no ano 1939. Casou para Vilamor, pra casa de Carballal, onde viviu o resto da súa vida. Foi precisamente nese tempo cando o coñecín, cando eu andaba polos 20 anos.

Comezamos daquela unha relación afectiva que perdurou máis de 50 anos. Nunca coñecín mellor amigo. Foi un tesouro que atopei no camiño da vida. Con el fun madurando e aprendín a analizar, a pensar por min mesmo e a producir pensamento. Sempre sentín o seu calor cercano, a súa axuda espiritual e física.

Algo de nós se marchou con el, mais quédanos o que nos deu e ha seguir vivindo en nós.

Compañeiro na loita pola xustiza e liberdade, fiel e leal a si mesmo, á súa loita pola dignidade, á súa firmeza na defensa dos labregos, dos obreiros a través do sindicalismo. Non sei se foi Bernardo quen o definiu como"O Balbino da nosa Terra".

Pilar importante na actualidade na "Asociación Memoria da Mariña", unha das satisfaccións máis grandes foi, para el, cando recuperamos e honramos a figura do Gardarríos de quen tantas veces me tiña falado! Que satisfacción cando coñeceu a neta de Luís Trigo, a nosa querida Fernanda, que percorreu media Galiza para estar hoxe con nós.

Para todos os que o coñecemos de cerca foi un exemplo de vida.

Diante da tristeza que sentimos pola perda do compañeiro, reconfórtanos saber que acabou os seus días na súa casa, rodeado da súa familia, muller, filla e netos.Transmitiu amor e recolleu amor, foi afortunado.

Reconfórtanos tamén que sexa despedido como el desexaría, de viva voz, no mesmo idioma que aprendeu da boca dos seus devanceiros.

Vaia o noso agradecemento á súa familia que nos deu todas as facilidades para esta despedida que nos permite deixar fluír as nosas emocións e os nosos sentimentos que tanto precisamos nestes momentos.

Honor e gloria para ti, meu amigo!