O Araño despide a Manuel Regueira, un home traballador, con iniciativa e sempre disposto a axudar aos seus veciños

Francisco Brea
F. Brea RIBEIRA / LA VOZ

OBITUARIOS

Un novo Manuel Regueira, na década dos 60, cando fixo a mili en Marrocos.
Un novo Manuel Regueira, na década dos 60, cando fixo a mili en Marrocos.

O fundador da empresa Manuel Regueira Vázquez SL faleceu o 15 de maio aos 84 anos de idade

17 may 2025 . Actualizado a las 18:14 h.

Manuel Regueira Vázquez foi un home traballador e familiar. Naceu no ano 1940 en Fruíme e viviu a súa infancia en Arribas. Como para a maioría, a etapa da posguerra foi complicada para el e aos 12 anos tivo que deixar a escola para traballar. Con 15 foi facer a estrada de Boimazán e tivo que esforzarse para, a pesar da súa curta idade, realizar as mesmas tarefas que os adultos e poder cobrar como tal.

Despois puxo rumbo á Seat de Vilagarcía para aprender mecánica e acudiu polas noites a clases para mellorar a súa formación. De aí, foise a Sidi Ifni (Marrocos) para facer a mili, unha época na que pasou moita fame. Aos 24 anos emigrou a Alemaña para buscar unha vida mellor.

Regresou pronto e con 27 casou con Consuelo, coa que compartiu o resto da súa vida. Estrañoulle que no lugar de Pousada, na parroquia rianxeira de O Araño, non houbese unha pista en condicións estando tan preto da estrada, polo que el mesmo tomou a iniciativa de facela. Sabía ben o que facía, porque ese traballo xa o realizara con 15 anos e por iso todo o mundo preguntaba a Manolo se escollía as mellores pedras, porque el as rompía mellor.

Esa mesma iniciativa levouno a fundar a súa empresa no ano 1974, baixo o nome de Manuel Regueira Vázquez SL. No seu carácter estaba ser unha persoa traballadora que sempre quixo axudar aos demais. Non tivo a posibilidade de estudar e preocupouse de que os seus dous fillos si que puidesen cursar unha carreira para que gozasen dunha vida menos dura da que el levara. Quería o mellor para eles.

Manuel Regueira foi un adiantado á súa época e o primeiro teléfono particular do Araño comprouno el. Moita xente ía á súa casa para utilizalo, xa que naquela época non era habitual dispor dun. Incluso Manuel ía ata as casas dos veciños que tiñan familiares navegando para buscalos e que puidesen falar con eles. Naquel entón tampouco era frecuente ter coche e Regueira sempre exerceu de taxista e gruísta cando fixo falta.

En Rianxo houbo unha inundación no ano 2003 e volveu demostrar o seu carácter solidario, xa que traballou día e noite de forma desinteresada cos guindastres. Non había equipos de excarceración e el axudaba ás persoas que se quedaron atrapadas nos seus vehículos. Polo seu labor, o Concello rianxeiro recoñeceuno cun diploma.

Hai un ano graduouse a súa primeira neta e neste 2025 vaino facer o seu segundo neto. Estaba moi ilusionado por estar presente nese acontecemento, pero o destinou cambiou de ruta. Manuel Regueira Vázquez foi despedido polos seus familiares e achegados o 16 de maio no funeral que se celebrou na igrexa de Santa Eulalia do Araño.