
O Porsche Panamera GTS sitúase como unha das berlinas de catro prazas máis rápidas do mercado, grazas ao seu motor de oito cilindros e aos seus 500 cabalos de potencia.
18 may 2025 . Actualizado á 05:00 h.S ou tamaño non pasa desapercibido, xa que aos 5 metros de lonxitude da carrocería debemos engadirlle case 2 metros de anchura e unha altura de tan só 1,4 metros. Estas cifras logran un conxunto moi atractivo, con liñas suaves que comezan na súa parte frontal e rematan sobre unha traseira na que se esconde un alerón despregable en tres pezas cando superamos os 90 quilómetros por hora, e que causa moita sorpresa ao resto de condutores.
Baixo o capó, Porsche esconde un motor V8 biturbo de 4 litros de cilindrada capaz de ofrecer ata 500 cabalos de potencia. Con estas cifras o Panamera GTS convértese nunha das berlinas máis rápidas que probamos. A resposta do seu motor vai asociada a unha caixa de cambios automática de 8 velocidades. Apertando o acelerador apenas notamos o cambio das marchas e a súa capacidade de tracción é moi grande, xa que incorpora tracción ás catro rodas. Os seus 2.140 quilos de peso móvense con soltura en calquera tipo de estrada, aínda que é en autovía ou autoestrada onde este coche traga quilómetros sen apenas inmutarse. Con varios modos de condución, que se elixen desde o volante, o Panamera pode transformarse nunha berlina confortable e silenciosa de uso diario ou nun deportivo agresivo capaz de acelerar de 0 a 100 en tan só 3,8 segundos. Á súa rápida aceleración debemos engadirlle a súa capacidade de freada, moi potente grazas a discos de 390 milímetros.
No seu interior hai espazo moi amplo para catro persoas e un maleteiro con capacidade de 478 litros. Os asentos tipo pétalo recollen á perfección e as pantallas dixitais situadas tras o volante e na parte central pódense completar con outra exclusiva para o copiloto. Os seus acabados en Alcántara e remates en vermello danlle un toque moi exclusivo a este modelo GTS, que se completa cun volante tamén tapizado en tecido race-tex. O seu prezo parte desde os 190.000 euros.