Alfa Romeo Junior ibrida: regreso ao pasado

Por Juan Torrón

MOTOR ON

-

A marca italiana Alfa Romeo comeza este ano máis forte que nunca ao incorporar á súa gama o novo Júnior, tanto con motorización híbrida como eléctrica. Un SUV compacto que chega para competir no segmento dos vehículos de ata 4 metros de lonxitude.

19 ene 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Alfa Romeo vendeu en España o pasado ano máis de 2.850 unidades, cifra que no 2025 agardan superar os seus directivos coa chegada do novo Júnior. O seu atractivo deseño xa lograra mil pedidos antes de finais do 2024.

A pesar de que hai unha versión cento por cento eléctrica deste modelo, o máis vendido será sen dúbida o motor híbrido de 136 cabalos e que a marca, para diferenciarse do resto, decidiu chamarlle ibrida sen utilizar a letra H. O Júnior, baixo o seu capó, dispón dun motor de tres cilindros turbo asociado a un eléctrico de 48 voltios e 28,5 cabalos que lle permite obter a etiqueta ECO da Dirección Xeral de Trafico. O seu recarga realízase mediante as freadas e en ningún momento precisa de enchufe. Isto permítelle moverse pola cidade en modo cero emisións e ao mesmo tempo ofrecer cómodas aceleracións cando precisamos o máximo de potencia. Todo iso con consumos combinados moi axustados. A súa caixa de cambios é de 6 velocidades e dobre embrague.

O Alfa Romeo Junior é sumamente atractivo, non pasa desapercibido xa que a marca estrea con el a nova insignia Legend, mentres os seus faros lembran a modelos míticos como o SZ e o Brera. Mantense a súa grella triangular co nome e unhas marcadas tomas de aire inferiores. Cunha altura de 1,7 metros, a súa liña de teito e a súa traseira outórganlle unha imaxe deportiva e xuvenil. No seu interior, xa dixital, mantéñense os reloxos redondos, o volante deportivo e unha pantalla central situada sobre un piano de botóns físicos, que se agradecen hoxe en día.

Alfa conseguiu un compacto moi áxil en estradas viradas, con suspensións e freos acordes á súa potencia, todo cun prezo de 28.147 euros ou financiado a 185 euros ao mes cunha entrada de 6.000 euros

A marca propón unha edición de lanzamento denominada Speciale con acabados moi exclusivos