Comprar unha segunda vivenda, cambiar de coche, facer reformas ou pagar a universidade dos fillos son decisións importantes que marcan etapas na vida de calquera familia. Son proxectos ilusionantes, pero tamén implican un desembolso económico considerable dun diñeiro que non sempre temos aforrado. Por iso, recorrer a algún tipo de financiamento é algo habitual no noso día a día.
As cifras móstrano con claridade. En Galicia, o ano pasado vendéronse 23.642 vivendas, segundo o INE. Para moitas delas foi necesario solicitar unha hipoteca: 15.735 en total, un 26,6% máis que o ano anterior. No caso dos automóbiles, datos das principais asociacións de vendedores (Anfac, Ganvam e Faconauto) indican que as vendas ascenderon a 27.751 unidades, un 11,9% máis. Aínda que non existe un dato exacto de cantos deses vehículos compraron mediante financiamento, si sabemos que a maior parte do crédito ao consumo en España destínase a este fin ou a reformas do fogar. E estes préstamos creceron un 5%, segundo o Banco de España.
Isto confirma unha realidade que todos intuímos: as familias recorren ao financiamento con frecuencia, porque as súas necesidades e proxectos son variados. E non ten nada de malo. O importante é facelo con criterio e con planificación, para evitar decisións que poidan comprometer o noso aforro futuro ou os nosos obxectivos a longo prazo.
O ideal é contar cunha planificación financeira ben estruturada, que nos permita diferenciar os nosos obxectivos a curto, medio e longo prazo. Pero non sempre é tan sinxelo. Hai momentos na vida nos que, aínda tendo certo aforro ou investimentos, non interesa descapitalizarse. Porque ese diñeiro forma parte da nosa estratexia de aforro, de obxectivos futuros ou porque está a xerar unha rendibilidade que perderiamos. Neses casos, recorrer ao financiamento pode ser razoable. A pregunta crave é: que utilizamos como garantía?
Aquí en Galicia, por exemplo, é común que as familias opten pola autopromoción da vivenda, especialmente nas zonas rurais. En moitos casos, os pais avalan aos fillos coa súa vivenda familiar. Aínda que isto soa lóxico e ata natural, non sempre é a opción máis prudente. Nin a única. Porque o problema é que, cando se utiliza un inmoble como garantía, todo o activo queda comprometido, aínda que a débeda pendente sexa mínima. Con todo, hai outras opcións. Así, se se utilizan outros activos financeiros como garantía, na medida que vas pagando a débeda vaise liberando a garantía.
Este mecanismo, quizais menos coñecido, recibe o nome de préstamo ou crédito con garantía dineraria e consiste en deixar un produto de aforro ou investimento (por exemplo, un fondo) en garantía, sen necesidade de pór como garantía unha vivenda ou un ben material. Ese produto queda bloqueado mentres dure o financiamento e vaise liberando a medida que devolvemos o crédito, pero sempre segue mantendo a súa capacidade de ofrecer rendibilidade. E, se por algún motivo non se devolvese o préstamo, executaríase só a parte de garantía necesaria para cubrir a débeda pendente.
Pero que vantaxes ten este tipo de financiamento comparado coas alternativas máis tradicionais?
1. Non te obriga a utilizar a túa vivenda como garantía, algo que moitas veces non se valora ata que ocorre un problema. Se garantes o préstamo coa túa casa, é esta a que responde. Se garantes o préstamo co teu diñeiro, o potencial impacto queda limitado a ese diñeiro.
2. Permíteche manter os teus investimentos: imaxina que levas anos aforrando en fondos de investimento para cambiar de coche. Cando chega o momento, podes vender o investimento e comprar o vehículo… ou podes peñorar ese investimento e financiar a compra. Así continúas conservando o teu investimento e obtés o coche igualmente.
3. Dá tranquilidade a quen ten medo a investir: moitas persoas senten inseguridade ante o investimento a longo prazo: «E se me pasa algo? E se teño un imprevisto? E se …?». A pignoración ofrece unha resposta moi simple, xa que podes usar o teu propio investimento como garantía se algún día necesitas financiamento, sen desfacela nin renunciar a pór o teu aforro para traballar. Esa posibilidade de poder responder á imprevistos axuda moito a quen dubida en investir no longo prazo.
4. É un tipo de financiamento con menos trámites e máis áxil.
5. Ao ser un financiamento na que ofrecemos garantías, as condicións son mellores que as dos préstamos ao consumo e permíteche acceder a unha maior porcentaxe de financiamento.
A pesar das vantaxes, o financiamento con garantía dineraria (normalmente recorrendo á pignoración) segue sendo unha opción bastante descoñecida. Quizá por falta de información ou porque tradicionalmente se pensou que para pedir financiamento hai que avalar cunha propiedade. Cando chegue o momento de necesitar un crédito, convén lembrar que existen outras formas de facelo sen recorrer á vivenda como única garantía. O importante é analizar, comparar e, sobre todo, contar co asesoramento adecuado.
Un bo asesor financeiro pode axudarte a avaliar que tipo de financiamento convenche máis, que garantía é máis segura para ti e como encaixa esa decisión na túa planificación de aforro e investimento. Porque pedir financiamento non é só asinar un crédito: é tomar unha decisión que afecta o presente e ao futuro económico da familia.