Medio millón de traballadores británicos verán incrementadas as súas nóminas case un 7 % no 2026. O chamado salario vital (living wage), que unhas 16.000 empresas do Reino Unido pagan voluntariamente aos seus empregados e que é superior ao obrigatorio fixado polo Goberno, incrementarase a 14,80 libras (uns 17 euros) a hora en Londres e a 13,45 libras (uns 15,45 euros) no resto do país a partir de abril próximo. Empresas e organizacións tomaron a decisión para combater a pobreza e calcúlase a partir do custo da vida. Unha investigación da Fundación Living Wage desvelou que o 42 % dos traballadores cos salarios máis baixos do país recorreron aos bancos de alimentos nos últimos 12 meses. O salario mínimo interprofesional subirá a 12,71 libras.