Daveiga: as galletas que impulsan o medio rural e seducen ao «Financial Times»

MERCADOS

ALBERTO LÓPEZ

O proxecto, baseado nos principios da economía social, revolucionou o mercado dos produtos naturais e sitúase entre as empresas europeas que máis crecen: desde Chantada producen 6.000 quilos ao día

02 ago 2021 . Actualizado ás 10:52 h.

Que un produto, en aparencia, tan simple como unhas galletas salgadas teña acaparado as miradas do Financial Times, é rechamante. Que o proxecto en cuestión teña nacido no campo lucense, autogestionado e baseado nos principios da economía social, é todo un logro. E é que Daveiga Produción Responsable, que fabrica desde Chantada as famosas galegas Mariñeiras, está entre as empresas europeas que máis crecen, segundo o ránking do diario económico británico. E faino revitalizando o medio rural, cun produto que revolucionou o mercado dos alimentos naturais.

Todo xurdiu do entusiasmo de tres irmáns de Rodeiro que soñaban con emprender na súa terra natal, cun proxecto «útil e rendible para a sociedade», que estivese «ao servizo das persoas, a innovación e a sostibilidade». E o soño hase feito realidade. Unha viaxe a Buenos Aires para visitar a un dos seus irmáns marcou un antes e un despois no seu futuro empresarial. Alí descubriron as galletas mariñeiras, herdeiras do pan sen faragulla que levaban os mariñeiros nos seus barcos. Trátase dun produto exportado a América, onde se incluíu como parte do consumo, pero que na Península practicamente quedara no esquecemento. «Démonos conta de que aquí case non había galletas salgadas, salvo as crackers», explica Xosé Lois Lamazares, coordinador xeral da empresa. Así naceron as galletas Mariñeiras de Daveiga, que se puxo en marcha no 2005 con seis traballadores, e que hoxe en día conta con 71 en persoal (ademais de 10 temporais), 6,5 millóns de euros de facturación (creceu unha media de máis dun 50% entre o 2014 e o 2019) e unha produción de 6.000 quilos aodía . As galletas pódense atopar nos lineais dos supermercados, na canle horeca ou en tendas especializadas. E é que, ademais de aproveitar o baleiro que había no mercado con respecto ás galletas salgadas, chegaron a varios nichos de mercado de tendencia, con poucos competidores directos e dun gran potencial de crecemento, como o dos produtos naturais e ecolóxicos. Non en balde, as Mariñeiras fabrícanse sen azucre e ofrecen unhas quince referencias nas que se inclúen desde variedades veganas ata integrais ou as que incorporan chía, quinoa, algas, liño ou espelta. E todo iso seguindo os principios da economía social: priorizando a contratación de xente da zona, creando unha sociedade limitada laboral para que os traballadores poidan ser se o desexan socios da empresa, e sendo pioneiros na incorporación do teletrabajo e a xornada continua.

Novos horizontes

A idea orixinaria dos irmáns Lamazares era montar un negocio de agroecología, pero ao descubrir as galletas mariñeiras e estudar a súa viabilidade na Península, lanzáronse ao sector da alimentación cun gran potencial de crecemento. De feito, están a traballar un 30% por amais do seu capacitade, e a finais de ano agardan ter rematadas as obras de ampliación da fábrica no propio polígono industrial dos Acivros, en Chantada. Coas novas instalacións, terán capacidade para duplicar a produción actual, ata os 12.000 quilos de galletas ao día. «Seguimos medrando, e o Financial Times inclúenos cada ano no seu ránking, desde que o crearon no 2017, no medio de grandes empresas tecnolóxicas ou de servizos. E aí estamos nós, cun proxecto feito desde o campo galego cun produto artesanal», sinala Lamazares. E é que aínda que parte da produción está mecanizada, ten un gran compoñente artesanal. A base da receita é fariña, principalmente, de Galicia e Zamora, (cun 30% de fariña de trigo do país) e materia graxa (manteiga ou aceite transformado en Galicia). Ampliar o seu mercado é outro dos seus proxectos en marcha, apostando polo nacional e a internacionalización en Europa. Na actualidade, Portugal é o seu principal mercado, xa que leva o 70% da súa produción, seguido de Galicia e do resto de España. Tamén exportan ao Reino Unido e Polonia, pero aínda queda potencial por explorar.

ALBERTO LÓPEZ

«O peche de granxas reduciu as opcións no campo, e nós queremos que mellore»

 

Laura López

Cando os irmáns Lamazares abriron a empresa tiñan claro que a economía social sería un dos seus valores. «Dentro das fórmulas mercantís que existen gustounos a sociedade laboral porque facilita a integración de socios traballadores», explica Xosé Lois, coordinador xeral.

-Que implica este sistema?

-É unha empresa participativa na que os traballadores aportan. Por unha banda, todos teñen dereito a participar nas tres ou catro asembleas anuais, na toma de decisións relacionadas coa organización da produción e das diferentes liñas estratéxicas da empresa. Ademais, todos os traballadores indefinidos teñen a opción de facerse socios da empresa, e os socios traballadores teñen dereito a participar no reparto dos excedentes económicos da empresa.

-Cantos socios hai?

-Na actualidade hai tres socios capitalistas e 47 socios traballadores, que aportan o 70% do capital social.

-Moitos dos empregados son da comarca.

-Si, é un criterio que temos. O peche de explotacións agrarias reduciu as opcións no medio rural, moita xente quedou sen acceso ao mercado laboral, e nós queremos axudar a paliar esa situación.

-Tamén foron pioneiros no teletraballo.

-Puxemos en marcha varias medidas para facilitar a conciliación, como a xornada continua ou o teletraballo, desde o 2014, na área da administración. Cando chegou a pandemia, ese camiño xa o tiñamos andado.