«Alemaña é a catalina, nos ou piñón pequeno»

María Cedrón REDACCIÓN / LA VOZ

MERCADOS

-

17 sep 2017 . Actualizado ás 04:46 h.

Fai catorce anos que Ivan Cozinha vive na República Checa. É profesor de español nunha escola pública de 250 alumnos nunha pequena localidade chamada Turnov. Di que no seu sector, «traballamos máis e gañamos menos que en España». De feito, gañan menos da media porque onde o país é unha potencia é en automoción pero tamén, en xeral, mecánica e tecnoloxía. De feito, conta Iván que «o robot, como palabra, xorde na Checoslovaquia da man do escritor Karel Capek, que recolleu da lingua do pobo o verbo robotovat, que non vén ser outra cousa que facer un traballo de forma mecánica continuamente». «Ademais de Skoda, pertencente ao grupo Volkswagen, aquí teñen fábricas TPCA e Hyundai», apunta á vez que describe como a economía checa funciona «como o mecanismo dunha bicicleta, onde Alemaña é a catalina grande e nós somos o piñón pequeno». Porque «na industria traballa a terceira parte da poboación activa. Na rexión onde eu vivo teñen fábricas tres compañías españolas: Grupo Antolín, Grupo Mondragón e Pino Automotive, todas elas fornecedoras de compoñentes plásticos para automóbiles». Aí, apunta, «os salarios non son para nada desprezables».

Vivenda A compra de casa está á alza, a pesar de non ter escapado á burbulla. Praga é unha urbe cara. O custo dos alugueiros son como os que hai en Galicia.

A destacar. Produto da época comunista, a baixa maternal paga durante tres anos. A empresa ten obrigación de manter o posto á traballadora.